Carlos Núñez chega a Monterroso para celebrar os 30 anos de A irmandade das estrelas

Monterroso converterase o domingo 30 de novembro nun dos escenarios da xira do 30 aniversario de A irmandade das estrelas, o emblemático proxecto musical de Carlos Núñez. O recoñecido artista inclúe a vila lucense dentro do seu itinerario e ofrecerá dous pases na igrexa parroquial, programados para as 19:00 e as 21:00 horas.
A cita, promovida pola organización local e coa colaboración da Deputación de Lugo e o Concello de Monterroso, permitirá ao público achegarse a unha proposta que leva tres décadas reivindicando o patrimonio musical galego e a súa conexión coa tradición atlántica. As entradas poden adquirirse a través da plataforma Ataquilla.
Este concerto insírese dentro dun formato de proximidade que o músico está desenvolvendo ao longo do ano, apostando por espazos singulares e íntimos que reforcen a esencia do seu repertorio. Desde a organización destacan o carácter especial da actuación e a oportunidade de gozar dunha experiencia única nun dos recintos históricos do municipio.