Carlos Pereira será o candidato socialista á Alcaldía de Becerrea

LugoXa
Carlos Pereira será o candidato do socialista á Alcaldía de Becerrea para as vindeiras eleccións municipais de maior
Candidato PSOE Becerrea
13 Mar 2023

Carlos Pereira Fernández será o candidato socialista á Alcaldía de Becerreá nas vindeiras eleccións municipais do 28 de maio. Carlos Pereira, natural de Becerreá, é un histórico militante do PSOE que desempeñou diversos cargos orgánicos no partido, ademais de ser concelleiro socialista entre os anos 1999 e 2003 na Corporación local.

O secretario xeral do PSdeG na provincia de Lugo, José Tomé Roca, subliñou que “a longa e recoñecida traxectoria de compromiso e loita por mellorar o seu concello e as condicións de vida dos seus veciños, xunto cos seus valores e
principios, e a cercanía coa xente” fan de Carlos Pereira “o mellor candidato”  para sacar a Becerreá “da situación insostible de deixadez e letargo á que o ten sometido o alcalde”.

O líder do socialistas da provincia recalcou que o candidato é “un perfecto coñecedor da realidade de Becerreá, das súas necesidades e das súas oportunidades, porque está en contacto permanente coa xente, e tamén coñece ben o funcionamento da administración local, o que é garantía de xestión para sacar adiante un proxecto de futuro para os veciños dende o diálogo, a sensatez e o rigor”.

O candidato socialista explicou que, despois de ser concelleiro e participar activamente na vida política local, afronta este novo reto “coas mesmas forzas e a mesma ilusión do primeiro día, ou incluso máis, porque vexo diariamente
que o noso concello vai a menos. Estamos perdendo servizos públicos e dotacións como por exemplo o GES, e mentres, o alcalde asina os finiquitos e ponse de perfil nun asunto tan importante para esta comarca da Montaña”.

“Os veciños e veciñas de Becerreá”, incidiu, “merecen recuperar a senda de dinamismo e de progreso pola que avanzou o noso concello, e que o alcalde cortou cos seus delirios de grandeza”. “Traballarei con total intensidade xunto
coa miña candidatura para que Becerreá sexa de novo un referente en actividade social, económica e de emprego”. Para elo, explicou, “o máis importante para nós é escoitar a todos os veciños e atender o seu día a día con eficacia, e, ó mesmo tempo, traballar para sacar adiante proxectos que impulsen Becerreá”.

0.18232297897339