Carme López, do Incio, presenta o seu primeiro disco 'Vinde todas' na Capela de Santa María de Lugo

LugoXa | SarriaXa
A intérprete estrea o disco cun repertorio baseado na recollida de música de tradición oral galega e peninsular a través de procesos de campo directos e en arquivos públicos e privado
Carme-López-O-Incio
28 Nov 2024

A Capela de Santa María, en Lugo, acollerá este venres 29 de novembro, ás 20.00 horas, o concerto de presentación do primeiro disco de Carmela, o proxecto musical da intérprete e investigadora da música de tradición oral Carme López, editado co título 'Vinde todas'.

A intérprete do Incio estrea o disco, cun repertorio baseado na recollida de música de tradición oral galega e peninsular a través de procesos de campo directos e en arquivos públicos e privados, acompañado por artistas convidadas: Begoña Riobó, Laura Lamontagne, a Escola de Baile de Cantigas e Flores e as Pandereteiras de Toutón.

A actuación inclúese dentro da programación que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo impulsa na Capela de Santa María, para impulsar o uso cultural e artístico deste espazo ligado ao Centro de Artesanía e Deseño.

Carmela é un proxecto musical que basea o seu repertorio na música de tradición oral galega, a través do canto e a percusión de man como elementos definitorios. Iniciando o traballo dende informantes e arquivos musicais, o obxectivo do proxecto é trasladar aos palcos a esencia destas melodías acompañadas dunha visión propia e actual, empregando non só criterios estéticos, senón outros vinculados coa análise musical e de contexto da música coa que se traballa, un achegamento que suma a investigación etnomusicolóxica coa interpretación e arranxo musical.

Carmela utiliza a tradición como un ente flexible e moldeable que se adapta ao contexto musical actual a través de sons que viaxan dende as percusións ata referencias electrónicas. Un proxecto diferente no seu discurso tanto musical coma extramusical que posiciona a tradición oral e a perspectiva de xénero no centro.

O disco 'Vinde todas' reflexiona sobre a necesidade de visibilización das informantes a través da propia música e outros conceptos que a abrazan. O inicio e peche do disco recollen as conversas e cantos en Moscoso e Toutón, respectivamente, reflexo da importancia do discurso para comprender a música. Cada unha das cancións do disco leva como título principal o nome da ou das mulleres a través das que se coñeceu a melodía arranxada.

Entre as colaboracións do disco destacan a das Pandereteiras de Toutón (informantes en activo) e as Titiriteiras da ACF Tarambainas (mostra dainterxeneracionalidade da música de tradición oral galega). Tamén se mestura o arranxo e interpetación musical coa investigación e análise etnomusicolóxica, escollendo timbres e harmonías a través da comprensión dos usos e funcións primixéneas das melodías.

0.17304992675781