Carmela López obtén o compromiso da Xunta de reformular as obrigas dos concellos na ALALG

A presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, reuniuse este venres en San Caetano co conselleiro de Presidencia da Xunta de Galicia, Diego Calvo, para analizar as alegacións presentadas pola institución provincial ao Anteproxecto de Lei da Administración Local de Galicia (ALALG). No encontro tamén participaron o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón; o secretario da Deputación, José Cillero; a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto; o secretario xeral da Xunta de Galicia; e dúas subdirectoras de Administración Local da Xunta de Galicia. O encontro dá continuidade ao mantido hai menos dun mes co poresidente da Xunta, Alfonso Rueda.
López sinalou durante a reunión que "a Deputación de Lugo non vén a bloquear nada. Queremos unha lei de administración local para Galicia, pero queremos unha lei que sexa útil para todos (Xunta, Deputacións e Concellos)”. A presidenta agradeceu ademais o ton institucional do encontro e a vontade de escoita mostrada pola Xunta de Galicia ás alegacións presentadas pola Deputación.
No encontro, a Deputación de Lugo logrou que a Xunta se abra a reformular o modelo de obrigas que o anteproxecto impón ás deputacións provinciais e aos concellos. Neste sentido, ambas partes comprometéronse a estudar cambios nun texto que, na súa redacción actual, amplía de forma substancial as obrigas destas administracións sen prever financiamento. “Se imos ter máis competencias, debemos saber cales son e canto diñeiro nos van transferir para poder asumilas”, subliñou a presidenta, quen advertiu de que o anteproxecto, tal e como está formulado, “vulnera o artigo 142 da Constitución: se me das competencias, dáme os medios”.
Ademais, a Deputación logrou que a Xunta elimine o artigo 95, referido á autoorganización das deputacións, que outorgaba á Administración autonómica unha competencia de coordinación en servizos sociais sen definir nin limitar o seu alcance.
No ámbito territorial, a presidenta conseguiu tamén que o anteproxecto inclúa unha referencia ás parroquias, recoñecendo o seu carácter identitario en Galicia, ausente na redacción inicial do texto.
En relación co financiamento local, a Xunta aceptou estudar a proposta da Deputación de establecer unha porcentaxe mínima garantida sobre o Orzamento autonómico para o Fondo de Cooperación Local, co obxectivo de dotar de maior estabilidade e previsión aos recursos dos Concellos.
Competencias e organización territorial
A Deputación insistiu na necesidade de clarificar as competencias e servizos obrigatorios dos concellos e deputacións. Neste sentido, a Xunta comprometeuse a mellorar o texto para diferenciar con claridade que funcións son obrigatorias e cales non, co fin de evitar inseguridade xurídica nas entidades locais.
Actualmente, o anteproxecto asigna aos concellos un listado de competencias sen distinguir entre obrigatorias e optativas, o que dificulta a súa aplicación práctica, especialmente nos municipios de menor tamaño.
A definición de municipio en reto demográfico do artigo 72 foi outro dos puntos abordados. A Deputación considera que resulta ambigua ao non deixar claro se deben cumprirse de maneira simultánea os criterios establecidos.
A este respecto, a Xunta “comprometeuse a aclarar que todos os criterios se deben dar de maneira simultánea, un feito que axudará a ter definido claramente cales son os concellos que se ampararán neste paraugas, pero alertarmos de que non se concretan nin plans nin medidas concretas para estes concellos”, advertiu.
A Xunta mantén o artigo 40, relativo ás fusións municipais, unha medida que a Deputación rexeita. A institución provincial defende que xa existen mecanismos máis garantistas para este tipo de procedementos
“Un municipio que leva anos sen recursos, que perde poboación e que non pode prestar servizos porque ninguén o financiou para iso, non pode ter como única saída desaparecer”, advertiu a presidenta.
A Deputación conseguiu que a Xunta aceptase estudar a proposta de establecer unha porcentaxe mínima garantida sobre o Orzamento da Xunta para o Fondo de Cooperación Local. Deste xeito, os Concellos poderán saber con que ingresos contan cada ano, sen depender da vontade política do Goberno Autonómico.
Respecto ás variables de reparto, a Deputación mantén que no Anteproxecto a dispersión poboacional está infraponderada fronte á superficie —cando en Galicia o verdadeiro sobrecusto vén dos centos de núcleos pequenos— e que a definición do esforzo fiscal non mide o esforzo real e penaliza aos municipios organizados en mancomunidades.