Carmen Casasnovas: “Paradai é un barrio abandonado e esquecido polas administracións”

Jessica Fernández
Como xorde a idea de poñer en marcha a asociación?
Hai máis de 20 anos, ninguén se preocupaba polo barrio de Paradai. Na rúa principal do barrio había moitos accidentes e, a raíz dun accidente moral, empezamos a pensar que tiñamos que solicitar algún método disuasorio para que non houbese tanto coche correndo a tanta velocidade. Así, pedimos que se puxesen uns semáforos. Daquela, desde o Concello dixéronnos que era imposible e puxéronnos moitos problemas, ata que propietarios de establecementos e veciños da zona me axudaron a recoller sinaturas. Recollemos tantas que decidimos crear unha asociación, non só para iso, senón tamén para intentar mellorar a calidade de vida e o benestar dos veciños do barrio.
Cales foron as primeiras iniciativas para mellorar Paradai?
Desde daquela e ata agora temos a mesma, que é un local social, porque non o temos. O noso labor finánciase con pequenas axudas do Concello e da Deputación, pero nós poñemos cartos cando os necesitamos. Despois de conseguir que nos puxesen semáforos, outra das necesidades que tiñamos e temos é que o Concello de Lugo limpe os solares que ninguén vén limpar e loitamos por iso cada pouco tempo. Tamén pedimos unha especie de varanda entre a beirarrúa da estrada principal e os solares, porque hai bastante desnivel e necesitabamos sentirnos máis protexidos e puxéronnola. E tamén solicitamos limitar a velocidade de circulación. Tamén conseguimos a renovación das tubaxes da auga, que eran de hai máis de 50 anos e xa nolas están cambiando. Pero loitamos moitísimo, porque é moi fácil facer festas, pero loitar pola mellora das condicións é moi difícil.
Senten que é unha zona de Lugo menos coidada ca outras?
Si. Por poñerche un exemplo, en todas as rúas se poñen luces no Nadal, pero Paradai nunca ten unha, é unha rúa abandonada. E isto non ten maior importancia, porque non é algo esencial, pero como isto, moitas cousas máis. Esta rúa é unha rúa con moita circulación e vai cobrar relevancia cando se inaugure a Intermodal, xa que conecta a Infanta Elena, principal vía de entrada a Lugo desde o Polígono do Ceao, coa estación Intermodal. Agardemos que iso permita que se poña en valor o barrio.
Que lles gustaría facer en Paradai se tivesen máis apoio?
Gustaríanos dinamizar a vida do barrio desde o propio barrio. Poder contar cun local social no que levar a cabo cursos, obradoiros, facer reunións… Non podo contar cun local fóra de Paradai porque entón a xente de aquí non viría. Poder ter un lugar para reunirse, facer obradoiros ou actividades dinamizaría a vida do barrio, sobre todo para apoiarnos e escoitarnos. Antes a xente saía cunha cadeira e os veciños falaban. Hoxe non se fai, pero se existise un local social poderiamos facer faladoiros e incluso propoñer actividades das afeccións que cada un teña.
Que necesidades ten Paradai?
Máis infraestruturas, porque aquí non hai ningunha, non entendo por que levan todo para un mesmo barrio. Iso fixo que pechasen locais comerciais, bares, cafeterías, que non haxa posibilidade de que haxa industria… Tamén que se manteñan os espazos limpos e que creen espazos verdes e parques, que non hai. En definitiva, é un barrio abandonado e esquecido polas administracións, sen sinalar un partido político, aínda que desde o Concello nos axudaron a conseguir avances no barrio, como a implantación dos semáforos, a mellora da canalización e o saneamento da auga, así como a mellora das beirarrúas. Tamén nos parece necesario que poñan un paso peonil no número 3 de Alexandre Bóveda, onde hai un semáforo, porque do outro lado, onde si hai semáforo, hai moito desnivel e non podemos entrar con cadeira de rodas, que esa é outra materia pendente en Lugo: a accesibilidade.
Como ven o futuro?
De cara ao futuro, teño esperanza en que coa estación intermodal poida haber máis vida aquí e solicitamos que os políticos veñan máis veces ver o noso barrio e que non se espere ás eleccións.