Case 295.000 euros para mellorar a contorna da igrexa de San Xulián do Camiño, en Palas
O Goberno central, a través do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, dedicará un investimento de máis de 294.000 euros á recuperación da contorna da igrexa de San Xulián do Camiño, no concello de Palas de Rei.
Así o anunciou este venres a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, quen explicou que a iniciativa se enmarca "no programa de actuacións do Goberno en apoio do Camiño de Santiago". Neste caso de Palas de Rei, as obras teñen por obxecto a revalorización do conxunto formado pola igrexa e o seu adro-cemiterio, que constitúen un lugar de xuntanza para veciños e peregrinos.
Con esta intervención, explicou a subdelegada, trátase de prolongar a pavimentación existente na zona central do núcleo ata o ensanchamento do Camiño. O proxecto inclúe ademais o soterramento das instalacións urbanas e a dotación dun alumeado máis discreto que evite o impacto visual das actuais luminarias.
As obras que se levarán a cabo na igrexa de San Xulián do Camiño, foron adxudicadas na cantidade de 294.587 euros á empresa Vipeca Obras y Servicios. O seu prazo de execución é de seis meses.