Castro de Rei acollerá este sábado a primeira edición de Castro de Rei Sobre Rodas

A Carballeira de Castro Ribeiras de Lea converterase este sábado, 27 de xuño, no punto de encontro para os afeccionados ao motor coa celebración da primeira edición de Castro de Rei Sobre Rodas. O evento abrirá as súas portas ás 9.30 horas e contará con entrada gratuíta para o público.
Ao longo da xornada desenvolverase unha ampla programación que incluirá unha exposición de vehículos e motos clásicas, probas, sorteos, entrega de premios e animación musical a cargo dun DJ.
Un dos momentos máis destacados será a exhibición de stunt, protagonizada polo piloto portugués Jaque Nh Pina e o seu equipo. O espectáculo contará con dúas sesións programadas, ás 17.00 e ás 23.00 horas, nas que os asistentes poderán presenciar distintas demostracións de habilidade sobre motocicleta.
A organización tamén habilitou un sistema de inscrición para participantes cun custo de cinco euros. A cita conta coa colaboración do Concello de Castro de Rei e nace coa intención de converterse nun referente para os afeccionados ao mundo do motor na comarca.
A primeira edición de Castro de Rei Sobre Rodas reunirá durante toda a xornada vehículos, expositores e actividades pensadas para todos os públicos nunha contorna natural como a Carballeira de Castro Ribeiras de Lea.