Castro de Rei acondicionará unha nova ruta de sendeirismo histórica no Camiño Rexio

O Concello de Castro de Rei impulsará a creación dunha nova ruta de sendeirismo, denominada Camiño Rexio, que seguirá o trazado da antiga vía rexía do norte ao seu paso polo municipio. O proxecto busca poñer en valor este camiño de peregrinación cara a Santiago, así como os numerosos bens patrimoniais que se atopan ao longo do seu percorrido.
O itinerario, de 13,28 quilómetros de lonxitude, discorrerá dende o lugar de Reguntille ata a igrexa de Santa María de Duancos, atravesando tanto zonas de produción agrícola e gandeira como terreos de orografía máis complexa con montes veciñais ou privados. A ruta manterase, na súa maior parte, sobre camiños históricos asfaltados, polo que o proxecto centrarase na mellora da seguridade para os viandantes e na correcta sinalización dos puntos máis relevantes do trazado.
Para garantir a accesibilidade e comprensión da ruta, levaranse a cabo diferentes intervencións, como a adecuación de camiños municipais para uso peonil, incluíndo a limpeza de sendeiros en desuso e a recuperación de tramos tradicionais; ou a sinalización da ruta mediante frechas de localización en cruces e desvíos, así como paneis informativos sobre a historia e o valor patrimonial do percorrido.
Tamén está prevista a colocación dun panel identificativo no inicio da ruta, con información detallada do trazado, o perfil altimétrico e outros datos de interese para os sendeiristas; e a restauración de paredes tradicionais en tres puntos do camiño municipal, contribuíndo á recuperación do patrimonio.
A ruta atravesará o municipio de nordeste a sueste, aproximándose ao límite co Concello de Pol, desde onde procede a antiga vía de peregrinación, e finalizando no límite co Concello de Lugo. Para facilitar o acceso e a seguridade dos camiñantes, estableceranse puntos de inicio e finalización en lugares estratéxicos con zonas de estacionamento.
A iniciativa contará cun orzamento de 36.300 euros, financiado integramente pola Axencia de Turismo de Galicia. Esta achega cubrirá tanto os traballos de recuperación e sinalización da ruta como a elaboración dos contidos informativos para os paneis que se distribuirán ao longo do percorrido.
Con este proxecto, o Concello de Castro de Rei busca potenciar o turismo patrimonial e revalorizar o seu legado histórico, promovendo ao mesmo tempo o uso e goce do entorno natural e cultural por parte de veciños e visitantes.