Castro de Rei prepárase para celebrar as festas na honra a San Xoán

LugoXa | TerraChaXa
A xornada festiva contará os tres días con colchonetas gratis para os máis pequenos
Fogos artificiais
6 Jul 2026

O concello de Castro de Rei acollerá os vindeiros días 10, 11 e 12 de xullo as tradicionais festas na honra a San Xoán, cunha programación ampla e para todos os públicos, organizada coa colaboración da veciñanza e distintas entidades locais.

As celebracións darán comezo o venres 10 de xullo, cunha gran churrascada popular ás 22.00 horas, na que se prevé unha alta participación. A velada estará amenizada polo Dj Miguel Cendoi, recoñecido pola súa animación musical, e a actuación da orquestra Saudade, que completará unha noite festiva na que non faltará o baile nin a música ata altas horas.

O sábado 11, a programación comezará coa tradicional misa solemne ás 13.30 horas, seguida dunha sesión vermú a cargo da Orquestra Alabama, que tamén será a encargada da verbena nocturna, compartindo escenario co coñecido dúo Élite.

O broche de ouro chegará o domingo 12 de xullo, cunha nova xornada de celebración que incluirá misa solemne e procesión ás 13.30 horas, seguida dunha sesión vermú e verbena a cargo da espectacular Fuxsion Latina, que porá o punto final a tres días de festa, tradición e encontro comunitario.

A xornada festiva contará os tres días con colchonetas gratis para os máis pequenos.

Dende o Concello e a organización convidan a toda a poboación e visitantes a participar e desfrutar dunhas festas que combinan tradición, música e bo ambiente, mantendo vivo o espírito de San Xoán no corazón da Terra Chá.

0.091510057449341