Castro de Rei rende homenaxe a Crecente Vega

TerraChaXa | LugoXa
Baixo o carballo de Luxís tivo lugar o acto de homenaxe ao sacerdote, latinista e poeta chairego Xosé Crecente Vega.
homenaxe crecente vega
4 Jun 2021

Baixo o carballo de Luxís tivo lugar o acto de homenaxe ao sacerdote, latinista e poeta chairego Xosé Crecente Vega (nado en Castro de Rei no 1896 e falecido en Segovia en 1948), organizado pola Comisión Crecente Vega e polo Concello de Castro de Rei con motivo do 125º aniversario do seu nacemento.

As persoas presentes no acto lembraron a figura de Xosé Crecente Vega como a dun dos “egrexos das Letras Galegas, considerado unha das tres coroas clasicistas, canda Noriega Varela e Aquilino Iglesia Alvariño”. Foi definido como un dos “autores que axudaron a configurar a plenitude da escola poética mindoniense, con fonda impronta humanista e grande apego pola linguaxe popular e pola paisaxe rural, e que ocupan desde sempre un lugar destacado na historia da literatura escrita na lingua propia de Galicia”.

A canda os representantes da Xunta de Galicia, participaron tamén o rexedor castrense, Francisco Javier Balado; o presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor F. Freixanes; o historiador, investigador e editor da obra do homenaxeado, Ricardo Polín, Regina Polín, Félix Villares e Felipe Arias, en nome do devandito colectivo que procura a visibilidade e recoñecemento do autor e da súa obra, así como a candidatura do chairego como figura merecente das Letras Galegas promovidas pola RAG.

Nesta acto tamén se presentou o libro póstumo O mundo nun puño de remol.

Poesía completa e actualizada

O acto contou tamén coa intervención musical da banda Eladio y los seres queridos, encargados de musicar o coñecido Cantar do muíño, incluído no único poemario publicado en vida do vate homenaxeado, Codeseira (1933). O mundo nun puño de remol (poesía póstuma), que dá ao prelo Espiral Maior, completa e actualiza a poesía de Xosé Crecente Vega desde a publicación de Folla Bricia. Poesía galega completa (edición crítica e estudo de Ricardo Polín) no ano 2003 polo Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.19088292121887