Castroverde acolle novos cursos sobre seguridade dixital e prevención de estafas

O Concello de Castroverde vén de anunciar un novo ciclo formativo centrado na ciberseguridade e na prevención de riscos asociados ao uso da internet, como o acoso ou o grooming, ademais doutras estafas cada vez máis habituais no entorno dixital.
As sesións impartiranse os días 14, 19, 21, 26 e 28 de xaneiro e o 2, 4, 9, 11 e 16 de febreiro de 2026, sempre en horario de 10:30 a 12:30 no Centro Sociocultural Pazo Pestana. As inscricións permanecerán abertas ata o 29 de novembro e ofértanse un total de 12 prazas.
Estas accións formativas intégranse no programa provincial E para dixitalizarse Lugo, unha iniciativa orientada a facilitar que a cidadanía poida efectuar xestións en liña de maneira autónoma e con garantías de seguridade. Dentro da proposta inclúense contidos moi diversos que abarcan desde a iniciación á informática até o uso responsable da rede, pasando polo manexo avanzado do teléfono móbil, a sinatura dixital, as aplicacións de servizos públicos ou o acceso ás plataformas bancarias electrónicas.
O plan formativo abrangue tamén sesións dedicadas á procura de emprego a través de internet, ao uso de plataformas de vida saudable e á prevención fronte ao acoso e ás estafas dixitais. Ademais, ofrecerase formación específica sobre ferramentas como Google Maps, Gmail ou Google Drive, co obxectivo de mellorar as competencias dixitais da veciñanza e fomentar un uso máis seguro e eficiente das tecnoloxías actuais.