Castroverde acollerá a terceira edición da Ruta Cicloturista A Fortaleza con 350 participantes

GaliciaXa | LugoXa
A proba, con modalidades BTT e gravel, contará con actividades deportivas, música e promoción do produto local
presentacion-proba-ciclista-A-Fortaleza-de-Castroverde-2026
9 May 2026

Castroverde acollerá o vindeiro sábado 16 de maio a terceira edición da Ruta Cicloturista A Fortaleza, organizada pola Asociación Cultural e Deportiva A Fortaleza Sport.

A proba reunirá 350 ciclistas inscritos, completando todas as prazas dispoñibles, tanto nas modalidades de BTT de 30 e 45 quilómetros como na de gravel de 60 quilómetros, unha disciplina na que a organización foi pioneira na provincia.

Ademais, haberá outras actividades, como unha xincana prevista para o día previo á proba ás 19.00 horas e concertos das bandas Mügre e Los Villanos ás 21.00 horas, ademais de animación musical durante o evento na saída, na meta e tamén nos bares da localidade coa participación de Trasdalomba e Quinteto 555.

A proba contará tamén coa presenza do programa de promoción de produtos autóctonos “Un gusto de rural, un rural degusto”, que ofrecerá aos participantes minibocatas de chourizo e salchichón de porco celta procedente da gandería Outeiro de Manzadán, ao tempo que se informará sobre as características desta raza autóctona.

A actividade conta un ano máis co apoio da Deputación de Lugo, a través dunha achega de 5.000 euros e da colaboración na programación de actividades paralelas.

A deputada Iria Castro puxo en valor o impacto da iniciativa tanto no plano deportivo como na difusión do patrimonio local, especialmente da Torre da Fortaleza de Castroverde, e destacou a importancia de integrar actividades culturais para implicar á veciñanza no evento.

 

0.1235249042511