Castroverde acollerá o 17 de agosto a XVIII Feira de Artesanía e Gastronomía

O vindeiro 17 de agosto, o Concello de Castroverde celebrará a XVIII edición da súa tradicional Feira de Artesanía e Gastronomía, unha cita xa consolidada no calendario estival que combinará demostracións de oficios tradicionais, degustacións de produtos típicos e variadas actuacións musicais e culturais.
A xornada arrancará ás 10:00 horas coa apertura da feira ao público e continuará coa XI concentración de motos e coches clásicos ás 11:00 horas no recinto feiral. Ás 12:00 terá lugar a inauguración oficial, con recepción de autoridades e actuación da Asociación Cultural e Musical Zuncurrundullo, que percorrerá o recinto. Ás 13:00 horas, a mesma agrupación ofrecerá unha recreación musical teatral dunha feira de época.
O pregón da feira correrá a cargo da xornalista Pilar Alicia Carballedo Portela, ás 13:30 horas, e a mañá pecharase cunha actuación da charanga Louband, mentres se serve un xantar típico galego ás 14:00 horas.
Xa pola tarde, ás 16:30, haberá festa de inchables nas piscinas municipais. Ás 18:00 regresará a charanga Louband cunha nova actuación musical, e ás 19:30 será a quenda do circo, coa compañía Circo Chosco e o seu espectáculo “Távole”, que terá lugar no aparcadoiro das piscinas. O broche final poñerao a maxia do mago Martín Camiña co espectáculo “Unha tarde con moito aquel” ás 20:30 na Praza do Concello.
Durante todo o día, o público poderá gozar de obradoiros artesanais e demostracións en vivo de distintos oficios tradicionais, convertendo Castroverde nun escaparate vivo do patrimonio cultural galego.