Castroverde acolleu o peche do ciclo de xornadas do GDR Comarca de Lugo para promover o patrimonio agroalimentario local

O GDR Comarca de Lugo celebrou en Castroverde unha xornada gastronómica para poñer en valor os produtos locais, a cociña tradicional e o patrimonio agroalimentario do territorio. A actividade foi a terceira e última do proxecto "Saberes e Sabores de Terras do Miño: Posta en Valor do Patrimonio Agroalimentario Local 2026", que xa pasara polos municipios de Rábade e O Corgo.
A xornada contou coa participación do chef Álex Iglesias Castro, que ofreceu unha demostración culinaria en directo con produtos de proximidade, destacando a súa relación coa tradición gastronómica da zona. Ademais, abordáronse os usos tradicionais dos alimentos, a súa vinculación coa paisaxe e a importancia de conservar os saberes populares.
O encontro completouse cun intercambio de coñecementos sobre a produción local e cunha degustación comentada das elaboracións realizadas. Con esta terceira actividade, o GDR Comarca de Lugo pechou un ciclo de tres xornadas centradas na promoción dos produtos da contorna, na conservación das tradicións gastronómicas e na dinamización do medio rural.
O proxecto contou co apoio da Deputación de Lugo, a través das subvencións destinadas a entidades asociativas sen ánimo de lucro das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses.