Castroverde celebra o Día das Letras Galegas cun contacontos
O Concello de Castroverde celebra o Día das Letras Galegas co contacontos musicado Apalpadora, que estará a cargo da compañía Velaisca. A historia desenvólvese nas montañas do Courel e fala sobre a vida de Antía e André, sobre como viven na montaña e con que ilustres personaxes conviven día a día.
A actividade celebrarase ás doce na praza do concello (se fai mal tempo sería no ximnasio do colexio). A entrada é gratuíta e está dirixido a un público infantil - familiar.
Así mesmo, o concello tamén celebrará o I certame de poesía coa finalidade de fomentar o uso e o prestixio da lingua galega, así como a de dinamizar o uso escrito do galego a través da expresión artística e a creatividade. Haberá tres categorías: categoría infantil (até 12 anos), categoría xuvenil (de 13 a 17 anos) e categoría adulta (de 18 anos en diante). O premio será de 100 euros para cada categoría e o prazo para presentar os traballos finaliza o día 17 de maio.
Para máis información pódese consultar a web do Concello de Castroverde.