Castroverde celebra o IV Concurso de Tapas do 10 ao 12 de abril

O Concello de Castroverde organiza a cuarta edición do Concurso de Tapas, que se celebrará os días 10, 11 e 12 de abril de 2026. A iniciativa busca fomentar o consumo, dinamizar o sector hostaleiro e poñer en valor a oferta gastronómica do municipio, converténdose nunha cita de referencia para veciños e visitantes.
O concurso terá lugar nos seguintes horarios: o venres 10 de abril de 20:30 a 23:30 horas; o sábado 11 de abril en dous quendas, de 13:00 a 15:30 horas e de 19:30 a 23:30 horas; e o domingo 12 de abril de 13:00 a 15:30 horas. Cada establecemento participante presentará unha única tapa, que deberá estar dispoñible para o público durante os horarios establecidos, cun prezo de venda ao público de 4 euros.
O Concello facilitará a cada participante unha urna e folletos antes do inicio do concurso para que os clientes poidan emitir o seu voto, que se colocarán nun lugar visible dentro de cada local. Os folletos de votación inclúen o cartel do concurso, o plano da ruta cos establecementos participantes, recadros para que os hostaleiros selan a súa propia tapa e un apartado para que os clientes indiquen as tres mellores tapas segundo a súa preferencia (3 puntos a maior puntuación, 1 punto a menor).
O prazo para depositar os folletos nas urnas remata o domingo 12 de abril, último día do concurso. Cada cliente poderá depositar tantas tarxetas como desexe; todas serán válidas para o reconto de votos dos establecementos, pero só poderán optar a un dos premios en metálico do público, xa que estes non son acumulables.
Establécense tres premios para os establecementos que obteñan maior puntuación por parte dos clientes, consistentes en diplomas acreditativos que indicarán o posto logrado: 1º, 2º ou 3º.
Ademais, os consumidores tamén poderán gañar tres premios en total, obrigatoriamente cumprindo o requisito de ter os selos de todos os establecementos participantes. Estes premios son: o primeiro, un vale de compra de 300 euros para utilizar en calquera establecemento comercial de Castroverde; o segundo, un vale de 200 euros; e o terceiro, un vale de 100 euros.
O IV Concurso de Tapas do Concello de Castroverde ofrece así unha oportunidade para gozar da gastronomía local, votar as tapas favoritas e optar a premios, promovendo a participación cidadá e o dinamismo do comercio e hostalaría da vila.