Castroverde celebrará o seu magosto popular o 14 de novembro con música e actividades infantís

O Concello de Castroverde celebrará o sábado 14 de novembro o seu magosto popular, unha xornada festiva aberta á veciñanza que combinará gastronomía, música e actividades para os máis pequenos. A celebración terá lugar na Nave do Mercado Gandeiro a partir das 20:00 horas.
As persoas asistentes poderán degustar castañas asadas, empanada, lacón, bebidas e doces, entre outros produtos. A parte musical correrá a cargo de Zuncurrundullo, mentres que os nenos e nenas disporán de atraccións inchables.
Con esta proposta, o Concello busca ofrecer unha ocasión para compartir os sabores propios do outono e favorecer o encontro entre veciños nunha noite de festa e convivencia.