Castroverde chama á colaboración veciñal para elaborar a alfombra floral do Corpus Christi

A comunidade parroquial de Castroverde xa traballa nos preparativos da celebración do Corpus Christi 2026, unha das festividades relixiosas máis significativas do calendario católico. Con motivo desta conmemoración, a Unidade Pastoral de Castroverde fai un chamamento á colaboración da veciñanza para participar na confección da tradicional alfombra floral que adornará a igrexa e o percorrido da procesión.
Para a elaboración da alfombra solicítase a achega de flores brancas, amarelas e azuis, así como tulla verde previamente picada, materiais que servirán para dar forma aos diferentes motivos ornamentais que decorarán o templo.
A confección da alfombra levarase a cabo o sábado 13 de xuño ás 9.00 horas na igrexa de Castroverde. A organización anima a participar a todas aquelas persoas que desexen colaborar na preparación desta tradición, que cada ano reúne a numerosos veciños arredor dun traballo colectivo.
Os actos centrais do Corpus celebraranse o domingo 14 de xuño ás 11.45 horas coa misa solemne na igrexa parroquial. Unha vez rematada a eucaristía, terá lugar a procesión ata a residencia, percorrendo os espazos engalanados para a ocasión.
Desde a organización lembran que as persoas interesadas en colaborar na confección da alfombra poden poñerse en contacto co párroco para coordinar a súa participación e as posibles doazóns de material floral.