Castroverde inicia un curso de flor seca con apoio da Reserva da Biosfera Terras do Miño

O Concello de Castroverde iniciou esta semana un curso de flor seca, unha proposta formativa centrada na creatividade e nas técnicas de elaboración de composicións con elementos naturais que conta co financiamento do programa de actividades da Reserva da Biosfera Terras do Miño da Deputación de Lugo.
A primeira sesión celebrouse este mércores e permitiu ás participantes iniciarse nesta disciplina artística mediante a elaboración de diferentes creacións. As alumnas aproveitaron a xornada para experimentar con esta técnica e realizar traballos nos que plasmaron a súa creatividade.
A formación está impartida por Fina, a monitora encargada de transmitir os seus coñecementos sobre esta arte e de acompañar as participantes durante o proceso de elaboración. O Concello de Castroverde destacou a súa dedicación e xenerosidade á hora de compartir a súa experiencia coas alumnas.
O curso terá continuidade o vindeiro xoves, cando se desenvolverá a segunda parte da actividade, na que as participantes poderán seguir perfeccionando as técnicas aprendidas e elaborar novas composicións.