Castroverde ofrecerá unha charla gratuíta de primeiros auxilios e uso do DEA aberta a toda a veciñanza

LugoXa
A actividade celebrarase o xoves 26 de novembro, ás 18:00 horas, no Local Social Paco Pestana e incluirá prácticas de reanimación cardiopulmonar, manobras ante atragoamentos e utilización dun desfibrilador
primeros-auxilios
15 Nov 2026

A Asociación de Xubilados e Pensionistas de Castroverde organizará o vindeiro xoves 26 de novembro unha charla de primeiros auxilios e uso do desfibrilador externo automatizado (DEA), aberta a toda a veciñanza e con entrada gratuíta. A sesión terá lugar ás 18:00 horas no Local Social Paco Pestana.

A iniciativa busca ofrecer coñecementos básicos para saber como actuar ante situacións de emerxencia, como un atragoamento, unha parada cardiorrespiratoria, un desmaio ou un infarto, especialmente durante os primeiros minutos, antes da chegada dos servizos sanitarios.

A actividade combinará unha breve explicación teórica cunha parte práctica na que as persoas asistentes poderán aprender a realizar a reanimación cardiopulmonar (RCP) coas mans, actuar ante un atragoamento, colocar a unha persoa en posición lateral de seguridade e utilizar un DEA.

Para as prácticas contarán cun boneco e cun desfibrilador de adestramento cedidos polo Colexio Oficial de Enfermaría de Lugo, co obxectivo de que todas as persoas participantes poidan probar os procedementos e familiarizarse co seu uso.

A convocatoria está aberta a todo o mundo, sen necesidade de pertencer á asociación nin de contar con coñecementos previos. A iniciativa conta coa colaboración do Concello de Castroverde e do Colexio Oficial de Enfermaría de Lugo.

0.16300511360168