Castroverde preparará á veciñanza para o eclipse solar total cunha charla divulgativa sobre astronomía

LugoXa
Ana María Pérez Veiga ofrecerá unha conferencia o 7 de agosto no Centro Sociocultural Paco Pestana para explicar como observar o fenómeno con seguridade e coñecer as Perseidas
eclipse-total-de-sol-recurso
29 Jul 2026

O Concello de Castroverde organiza o vindeiro 7 de agosto unha charla divulgativa dedicada a un dos acontecementos astronómicos máis agardados dos últimos anos: o eclipse solar total previsto para o 12 de agosto. A actividade pretende achegar á veciñanza información sobre este fenómeno e ofrecer recomendacións para observalo con total seguridade.

A conferencia celebrarase ás 19.30 horas no Centro Sociocultural Paco Pestana e será impartida por Ana María Pérez Veiga, directora do CPI Plurilingüe de Castroverde.

Durante a sesión, as persoas asistentes poderán coñecer como se produce un eclipse solar total, cales son as medidas de protección que deben adoptarse para a súa observación e que particularidades terá o fenómeno que poderá verse o próximo 12 de agosto.

A charla tamén incluirá unha explicación sobre as Perseidas, coñecidas popularmente como as Bágoas de San Lourenzo, a choiva de estrelas que cada verán ilumina o ceo e que alcanza a súa máxima actividade durante o mes de agosto.

O Concello invita á cidadanía a participar nesta actividade divulgativa, dirixida tanto ás persoas afeccionadas á astronomía como a quen queira descubrir máis sobre os fenómenos que ofrece o ceo nocturno.

0.12562298774719