Castroverde recibe máis de 31.000 euros do Plan Corresponsables para financiar o seu campamento de verán

A subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, visitou o campamento de verán que se desenvolve no pavillón polideportivo A Ferreira, en Castroverde, unha actividade financiada a través do Plan Corresponsables e da que se benefician este ano arredor de 80 familias do municipio.
Durante a visita, na que estivo acompañada polas concelleiras María Luisa Freire e María Pilar Ferreiro, destacou a importancia deste programa para facilitar a conciliación laboral e familiar durante os meses de vacacións escolares.
O Concello de Castroverde recibiu neste exercicio unha achega de 31.237 euros procedente desta liña de axudas destinada ás entidades locais. Segundo explicou Olimpia López, estes fondos permiten desenvolver servizos de atención e coidado da infancia sen que os concellos teñan que asumir o custo íntegro das actividades.
A subdelegada lembrou que o Ministerio de Igualdade destina este ano 1.411.449 euros ao financiamento de programas de conciliación en 38 municipios da provincia de Lugo. Ademais, indicou que Galicia recibe preto de 7 millóns de euros dentro desta convocatoria estatal.
O Plan Corresponsables púxose en marcha no ano 2021 co obxectivo de favorecer a conciliación das familias con menores de ata 16 anos e fomentar unha distribución máis equilibrada das tarefas de coidado entre mulleres e homes. Desde a súa creación, o Goberno central destinou máis de 54 millóns de euros a Galicia para desenvolver actuacións vinculadas a este programa.