Castroverde retoma os programas de conciliación "Madrugadores" e "Tardes no cole" co inicio do curso escolar

O Concello de Castroverde porá en marcha co inicio do curso 2026-2027 os programas de conciliación "Madrugadores" e "Tardes no cole", destinados ao alumnado do CPI Plurilingüe de Castroverde. As dúas iniciativas buscan facilitar a conciliación da vida laboral e familiar das familias con nenos e nenas matriculados no centro educativo.
O servizo de "Madrugadores" comezará o 9 de setembro e estará operativo todos os días lectivos, desde as 7.00 ata as 9.25 horas. As actividades desenvolveranse no salón de actos do CPI Plurilingüe de Castroverde e terán carácter gratuíto. O alumnado poderá, ademais, levar o almorzo da casa.
Para acceder a este servizo terán prioridade as familias nas que ambos os proxenitores estean traballando, así como as familias monoparentais e outras unidades familiares que presenten necesidades de conciliación.
Por outra banda, o programa "Tardes no cole" ofrecerá unha ampla variedade de propostas para ocupar o tempo fóra do horario lectivo. A programación incluirá actividades deportivas e de psicomotricidade, obradoiros de expresión artística e plástica, saúde e hixiene, coidados medioambientais, lectura, teatro, música e expresión corporal, ademais de xogos tradicionais, grandes xogos e xogos de rol.
O programa tamén contemplará actividades destinadas á promoción do estudo e das técnicas de estudo, animación á lectura e contacontos, así como propostas relacionadas coa educación e os valores e con xogos e xoguetes non sexistas.
As "Tardes no cole" desenvolveranse no CPI Plurilingüe de Castroverde. Os luns e martes o horario será de 16.15 a 18.30 horas, mentres que os mércores e xoves o servizo funcionará de 15.25 a 18.30 horas.
Ao igual que no programa de mañás, terán prioridade as familias con ambos os proxenitores traballando, as monoparentais e aquelas que precisen deste apoio para favorecer a conciliación.