Castroverde reúne centos de persoas na súa Feira de Artesanía e Gastronomía

Castroverde converteu este domingo a súa Feira de Artesanía e Gastronomía nun punto de encontro para a veciñanza e visitantes, cunha xornada que reuniu centos de persoas e preto de 50 postos procedentes de diferentes puntos da comarca e de Galicia. A cita combinou artesanía, gastronomía, música tradicional e demostracións en directo, consolidándose como unha das propostas destacadas da programación do municipio.
A presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, participou na feira xunto ao alcalde de Castroverde e deputado provincial, Xosé María Arias, e puxo en valor a capacidade deste tipo de celebracións para dinamizar a actividade económica e atraer visitantes. A programación cultural do Concello conta co apoio do Plan Deputación, que achega preto de 30.000 euros para diferentes actividades ao longo do ano.
“Aquí hai moito máis que unha xornada festiva. Hai unha cita consolidada que pon en valor o mellor do municipio, un punto de encontro para a veciñanza e hai tamén unha oportunidade para dinamizar a actividade económica e atraer visitantes ao municipio”, sinalou Carmela López.
A presidenta provincial destacou tamén que a colaboración da Deputación permite aos concellos dispoñer de recursos para deseñar e desenvolver a súa propia programación. No caso de Castroverde, este apoio esténdese a celebracións como o Nadal e a Cabalgata de Reis, o Entroido, a Festa dos Avós, as Festas do Santiago Apóstolo e a propia Feira de Artesanía.
Durante a xornada tamén participaron a deputada do BNG no Parlamento galego Montse Valcárcel e a concelleira nacionalista de Castroverde Iria Castro, que destacaron a importancia da feira como escaparate dos saberes tradicionais e da capacidade do rural para xerar actividade económica a partir dos seus propios recursos.
A programación contou con preto de 50 expositores, que ofreceron unha ampla variedade de pezas e produtos artesáns, xunto con demostracións en vivo de diferentes oficios. As propostas gastronómicas e a música tradicional completaron unha xornada que contribuíu a encher de actividade as rúas e espazos do municipio.
Montse Valcárcel defendeu que a artesanía debe ser entendida non só como unha forma de preservar o patrimonio, senón tamén como un sector con capacidade para crear emprego, impulsar o emprendemento e favorecer a permanencia da poboación no rural. Neste sentido, reclamou máis apoio á formación, á actividade artesanal e á promoción e comercialización dos produtos.
A deputada nacionalista tamén puxo o foco no relevo xeracional e na necesidade de facilitar que as novas xeracións poidan aprender os oficios tradicionais e convertelos nunha saída profesional. “Se queremos evitar que estes coñecementos desaparezan, non chega con recoñecer o seu valor. Hai que crear as condicións para que haxa persoas que queiran recoller esa experiencia, profesionalizarse e darlle continuidade”, afirmou.
A feira pechou así unha nova edición marcada pola elevada participación e pola presenza de artesáns chegados de distintos puntos de Galicia. Para o BNG, a cita demostra o potencial de Castroverde para combinar tradición, cultura e actividade económica, mentres que desde a Deputación salientaron o seu papel como elemento de dinamización do municipio.
Entre as autoridades presentes tamén estiveron o deputado de Participación Cidadá, Iván Castro Díez, e a directora do CPI Plurilingüe de Castroverde e pregoeira, Ana María Pérez Veiga.