Catro emprendedoras comparten as súas experiencias nunha xornada organizada pola Deputación de Lugo

LugoXa
O Pazo de San Marcos acolleu o encontro 'Mulleres que emprenden, mulleres que inspiran', con testemuños sobre intelixencia artificial, turismo rural, gandaría e tapicería
DEPU LUGO xornada 25n san marcos
21 Nov 2026

Catro mulleres con traxectorias profesionais moi diferentes protagonizaron este venres en Lugo a xornada 'Mulleres que emprenden, mulleres que inspiran', organizada pola Deputación con motivo do Día Internacional da Muller Emprendedora. O encontro, celebrado no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, permitiu coñecer de primeira man as experiencias de empresarias que puxeron en marcha proxectos propios en distintos sectores.

Aina Mena, Lucía López, Leticia Mon e Carmen Rojas participaron nun diálogo moderado por Paula Núñez, consultora en liderado, no que compartiron os seus camiños cara ao emprendemento e os retos aos que se enfrontaron para desenvolver as súas iniciativas profesionais.

A xornada reuniu perfís vinculados a ámbitos tan diversos como a tecnoloxía, o turismo rural, a gandaría e os oficios tradicionais. Mena é fundadora da tecnolóxica Opgan Tech; Mon impulsa o proxecto de turismo rural Cabanas do Chao, na montaña lucense; López é veterinaria vinculada á gandaría e elabora queixos na súa propia queixería; mentres que Rojas creou xunto á súa familia un negocio de tapicería despois de chegar de Venezuela, onde traballara noutro sector.

O encontro, impulsado pola área de Muller e Igualdade da Deputación, buscaba visibilizar o talento e a iniciativa empresarial feminina e mostrar como as mulleres contribúen á transformación económica e social da provincia a través de proxectos propios.

Tras a apertura institucional da deputada Marisol Morandeira, as protagonistas expuxeron as súas experiencias e participaron nun coloquio no que tamén puido intervir o público, formulando preguntas e compartindo inquietudes relacionadas co emprendemento.

A cita concluíu cun intercambio informal de experiencias nos corredores do Pazo de San Marcos, onde as participantes e asistentes puideron conversar e compartir ideas arredor dos seus proxectos empresariais.

A actividade enmarcouse na programación da Deputación de Lugo polo Día Internacional da Muller Emprendedora e serviu tamén para anunciar as iniciativas previstas con motivo do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, cuxa programación comezará este sábado, 21 de novembro.

0.16684293746948