Catro empresas optan a xestionar a Casa das Linguas municipal
A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, informou sobre a renovación da concesión das casas das linguas municipais, Estrada da Granxa e María Balteira. Maite Ferreiro destacou o papel das casas das linguas “polo seu carácter participativo, onde as usuarias e usuarios poden levar adiante actividades para mellorar a súa formación en distintos idiomas”.
Maite Ferreiro lembrou “as casas das linguas ofertan actividades durante todo o curso, dirixidas por persoal formador con especialidades en distintos idiomas”, entre as que destacou “os campamentos de nadal e verán, unha alternativa para a conciliación que mellora as competencias lingüísticas das nenas e nenos”.
O persoal técnico do concello de Lugo comezou hoxe a revisión da documentación presentada polas 4 empresas que optan a xestionar este servizo. O contrato terá unha duración dun ano, prorrogable ata un total de 5, e saíu a licitación cun orzamento base de 105.420,10€. “O novo contrato mellorará a calidade do servizo, ao aumentarse as horas do persoal formador para adicar ás distintas actividades“, explicou Maite Ferreiro.
Curso 2021-22
A edil de Cultura informou que as bases de admisión para o curso 2021-22 publicaranse o vindeiro 30 de agosto. O período de inscricións e probas de nivel durará entre o 1 e o 14 de setembro, e as listas publicaranse durante o 15 de setembro. Entre o 16 e o 24 abrirase o proceso de matrícula, e as clases darán comezo o luns 27 de setembro.