Catuxa Salom publicará o seu primeiro álbum, que se chama 'Cāldo'
A cantante de Antas de Ulla, Catuxa Salom, publicará o vindeiro 21 de novembro o seu álbum debut, nomeado Cāldo, un LP no que a artista galego-arxentina abre as portas do seu mundo para convidar ao público a bailar e a degustar un traballo que pon en valor os coidados e a importancia de tecer, desde a proximidade, unha rede de afectos.
A música electrónica, os instrumentos de raíz e os elementos da natureza serán ingredientes principais deste Cāldo preparado por Catuxa Salom.
A mestura que a artista vén avanzando e presentando paseniño en temas como Xa non ves, Amores rusos ou Ela cando baila faise efectiva nesta proposta, un disco cociñado na Ulloa pero que traslada mensaxes universais e que Salom marida con ritmos como a muiñeira, o afrobeat ou o dembow, pois este é un álbum creado para bailar.
Cāldo componse de nove pezas envoltas nun universo sonoro electrónico, nas que a creadora aborda cuestións coma o amor propio ou a liberdade, xoga con cuestións simbólicas e até canta no idioma francés.