O Caudal Fest dá espazo a ALUCEM, ALCER Lugo e AUXILIA e reforza o transporte gratuíto

LugoXa
As tres entidades lucenses terán por primeira vez un posto propio no festival, mentres o Concello duplica os autobuses lanzadeira e habilita a Casa do Concello como punto de prepulseración
caudal-fest-2024-lugo
14 Sep 2026

O Caudal Fest e o Concello de Lugo volverán colaborar para que o festival, que se celebrará os días 18 e 19 de setembro, vaia máis alá da súa dimensión musical e sirva tamén para dar visibilidade ao tecido asociativo da cidade. Nesta edición, ALUCEM, ALCER Lugo e AUXILIA Lugo contarán por primeira vez cun espazo propio dentro do recinto para presentar o seu traballo e achegar a súa actividade aos asistentes.

A iniciativa forma parte do acordo entre o festival e a Concellería de Política Social, Maiores e Migración do Concello de Lugo e non suporá ningún custo para as entidades. O obxectivo é aproveitar a capacidade de convocatoria do Caudal Fest para dar a coñecer o labor de tres asociacións cunha longa traxectoria na cidade e vinculadas á mellora da calidade de vida, a inclusión e a autonomía persoal.

ALUCEM, a Asociación Lucense de Esclerose Múltiple, traballa desde 1996 para mellorar a calidade de vida das persoas con esclerose múltiple e das súas familias. Entre os seus servizos figuran a fisioterapia, atención psicolóxica, terapia cognitiva, traballo social, respiro familiar, actividade física e préstamo de material.

ALCER Lugo, Asociación para a Loita Contra as Enfermidades do Ril, foi constituída en 1981 e presta información, asesoramento e apoio ás persoas con enfermidade renal e ás súas familias, ademais de desenvolver actividades de sensibilización e prevención relacionadas coa saúde renal.

Pola súa banda, AUXILIA Lugo, fundada na cidade en 1972, centra o seu traballo na normalización, autonomía e inclusión das persoas con discapacidade física. A entidade desenvolve actuacións relacionadas coa accesibilidade, a eliminación de barreiras arquitectónicas, o turismo accesible, a atención social e psicolóxica, o ocio inclusivo e a sensibilización.

A presenza das tres asociacións permitirá así achegar o seu labor a novos públicos e visibilizar as realidades das persoas ás que acompañan nun evento que reunirá durante dúas xornadas a milleiros de asistentes.

A Casa do Concello habilitarase como punto de prepulseración

A colaboración entre o Concello e o Caudal Fest tamén incorpora este ano unha novidade destinada a axilizar o acceso ao recinto. A planta baixa da Casa do Concello funcionará como punto oficial de prepulseración, de maneira que os asistentes poderán recoller e colocarse previamente a pulseira antes de desprazarse ata o recinto.

O servizo estará dispoñible o mércores 16 e o xoves 17 de setembro na oficina municipal de atención. Con esta medida preténdese reducir os tempos de espera e facilitar que as persoas que xa conten coa pulseira poidan dirixirse directamente aos controis de seguridade ao chegar ao recinto.

Dous autobuses cada 15 minutos durante o festival

O dispositivo de mobilidade tamén se reforzará nesta edición coa duplicación do servizo gratuíto de autobuses lanzadeira. O obxectivo é facilitar os desprazamentos, reducir o uso do vehículo privado e ofrecer unha alternativa segura para acudir ao festival.

As lanzadeiras conectarán a Praza de Bretaña co recinto do festival, no Pazo de Feiras e Congresos, cunha parada intermedia na Volta da Viña, na rúa Santiago.

O servizo funcionará de maneira ininterrompida o venres 18 e o sábado 19 de setembro, desde as 16:30 ata as 03:45 horas. Como principal mellora, sairán dous autobuses cada 15 minutos, duplicando a capacidade de transporte respecto das edicións anteriores e reducindo os tempos de espera.

0.14650297164917