CCOO alerta de que co novo convenio da limpeza de Lugo algunhas categorías quedan por baixo do salario mínimo

LugoXa
A Federación do Hábitat de CCOO critica a “hipocrisía” da CIG ao asinar en solitario o convenio da limpeza da provincia de Lugo cunhas táboas salariais que deixan por baixo do SMI algunhas categorías.
caravana limpeza lugo
27 Feb 2024

A Federación do Hábitat de CCOO critica a “hipocrisía” da CIG ao asinar en solitario o convenio da limpeza da provincia de Lugo cunhas táboas salariais que deixan por baixo do SMI algunhas categorías. Para CCOO, supón unha “clara contradición” a da CIG, que hai catro meses criticaba a suba do salario mínimo de 1080 a 1134 euros por considerar que a cifra estaba lonxe do 60 % do salario medio. “Paradoxalmente, cando ten a oportunidade de practicar co exemplo, fai o contrario”.

Segundo trasladan, o convenio da limpeza de Lugo deixa por baixo do SMI do 2024 (15 876 euros brutos anuais) as categorías de persoas limpadoras e peóns especializados. “O salario anual do 2024 dun limpador ou limpadora será máis de oitocentos euros inferior ao SMI, en concreto de 15 014,24 euros, mentres que un peón limpador cobrará trescentos euros menos, en total 15 567,05 anuais. Só naqueles casos en que teñan un ou dous trienios de antigüidade chegarán ao salario mínimo”, aseguran.

Con este precedente, CCOO-Hábitat teme o que poida acontecer co convenio provincial da Coruña, que ten garantido un incremento salarial do 9,8 % para este ano. “Porén, a CIG apoia a postura da patronal de diferir a aplicación deste incremento por medo a que as empresas non cumpran”.

0.17377209663391