CCOO denuncia deficiencias na Nave de Parques e Xardíns tras o requirimento da Inspección de Traballo

LugoXa
O sindicato reclama ao Concello unha actuación urxente, pide coñecer o labor desenvolvido polo servizo de prevención e cuestiona as medidas adoptadas para garantir a seguridade e saúde laboral
Imaxe recurso dun xardiñeiro
21 Sep 2026

CCOO Lugo reclama ao Concello unha actuación urxente na Nave de Parques e Xardíns despois de que a Inspección de Traballo constatase diversas deficiencias en materia de seguridade e saúde laboral que, segundo o sindicato, xa viña denunciando desde hai tempo.

Entre as medidas requiridas pola Inspección figura a reparación inmediata da cuberta da nave, debido á existencia dun importante burato no tellado, así como de filtracións e humidades. Tamén se solicita a realización de avaliacións específicas das condicións termohigrométricas e de iluminación, unha avaliación dos riscos psicosociais e a adecuación das duchas e dos vestiarios.

O requirimento inclúe ademais a revisión das condicións de orde e limpeza das instalacións e dos botiquíns, así como a revisión e protección dos cadros eléctricos. Para CCOO, o feito de que estas cuestións aparezan recollidas nun requirimento da Inspección confirma a existencia de problemas que o sindicato viña poñendo sobre a mesa.

A organización sindical lembra que, cando denunciou estas situacións, foi acusada de actuar como “a pinza do PP”, unha consideración que rexeita e que atribúe ao exercicio das súas funcións como representación dos traballadores. Neste sentido, CCOO cuestiona especialmente que, mentres alertaba das deficiencias, se intentase limitar a súa participación no Comité de Seguridade e Saúde.

Segundo o sindicato, modificáronse as regras de funcionamento deste órgano co obxectivo de limitar a súa participación, unhas modificacións que CCOO impugnou. A organización considera que debe revisarse o funcionamento do Comité para que sexa un espazo efectivo de detección de riscos, escoita dos traballadores e procura de solucións, e non un órgano destinado unicamente a cumprir os trámites administrativos.

CCOO tamén reclama explicacións sobre o papel desenvolvido polo servizo de prevención. O sindicato pide coñecer se estas deficiencias foron detectadas con anterioridade e, nese caso, que se detalle que información foi trasladada ao Concello e en que momento. Se non foron identificadas, reclama igualmente que se expliquen as razóns.

Neste contexto, CCOO reclama ao Goberno de Elena Candia acceso ao contrato do servizo de prevención, ás avaliacións realizadas e aos informes e actuacións desenvolvidos. O sindicato considera que é necesario "coñecer o destino dos recursos públicos destinados á prevención e comprobar se están a cumprir adecuadamente a súa finalidade".

CCOO sinala que o novo Goberno municipal ten agora a oportunidade de abordar estas cuestións mediante o diálogo e a negociación e reclama que se actúe para corrixir as deficiencias detectadas na Nave de Parques e Xardíns.

O sindicato remarca finalmente que a súa actuación non responde a intereses partidistas e asegura que continuará denunciando "as situacións que considere incorrectas con independencia de quen estea á fronte do Goberno municipal".

0.14549016952515