CCOO denuncia o maior recorte da contratación de verán en Correos na provincia de Lugo

CCOO denunciou que Correos reduciu este verán a contratación temporal na provincia de Lugo con respecto á campaña estival de 2025, unha decisión que o sindicato considera especialmente grave ao coincidir co período vacacional e cun incremento da carga de traballo para o persoal.
Segundo os datos recompilados pola organización sindical, os maiores recortes rexístranse en oficinas como Lugo, Monforte de Lemos, Quiroga e Foz, onde, segundo afirma, a cobertura das vacacións e das ausencias sitúase moi por debaixo das necesidades reais do servizo.
Desde CCOO critican que a empresa pretenda asumir un maior volume de actividade con menos persoal. O sindicato asegura que cada verán diminúe a contratación mentres aumenta a poboación en numerosos municipios, medra o volume de paquetería e incorpóranse novos servizos, polo que considera que esta política responde unicamente a criterios económicos e repercute tanto nas condicións laborais da plantilla como na atención á cidadanía.
A organización sindical sostén que este é o maior recorte da contratación estival rexistrado na provincia e enmárcao nunha estratexia continuada de redución de custos laborais que, ao seu xuízo, Correos leva aplicando desde hai anos. Así mesmo, considera que conceptos como a eficiencia ou a produtividade están a utilizarse para xustificar unha diminución de efectivos que deriva nun incremento das cargas de traballo e nun deterioro progresivo do Servizo Postal Público.
CCOO tamén considera contraditorio que esta redución de persoal coincida coa presentación do Informe Anual 2025 de Correos, no que a empresa declara uns beneficios de 11,5 millóns de euros. O sindicato afirma que unha parte deses resultados procede da venda de patrimonio e da redución do emprego, polo que entende que non se pode falar de éxito empresarial cando se consegue á conta de diminuír a contratación e aumentar a presión sobre os traballadores.
Ademais, lembra que Correos continúa mantendo elevados niveis de temporalidade, miles de postos pendentes de estabilización, unha importante porcentaxe de contratos a tempo parcial e unha oferta pública de emprego paralizada desde hai catro anos.
Segundo CCOO, a campaña estival deste ano é especialmente preocupante, xa que nunca antes o persoal que permanece activo durante o verán contara con tan pouco reforzo de contratación nin as persoas que aspiraban a acceder a un contrato temporal atoparan tan poucas oportunidades laborais.
O sindicato advirte de que esta situación tamén repercute directamente na cidadanía, que pode sufrir atrasos nas entregas, acumulación de envíos e unha peor atención, mentres o persoal afronta unha crecente carga de traballo, co conseguinte incremento dos riscos psicosociais, do desgaste físico e emocional e do absentismo laboral.
Por todo iso, CCOO reclama a Correos que recupere os niveis de contratación necesarios para cubrir vacacións, permisos e ausencias, reforzar os cadros de persoal e garantir un Servizo Postal Público de calidade na provincia de Lugo.