CCOO mobilízase ante o Concello de Lugo para denunciar a falta dun Plan de Igualdade

LugoXa
O sindicato critica a distancia entre o discurso institucional sobre igualdade e a situación laboral das traballadoras municipais
manifestacion-CCOO-Concello-de-Lugo
6 Mar 2026

A Unión Comarcal de CCOO de Lugo levou a cabo unha concentración diante da Casa do Concello para denunciar o que considera unha contradición entre o discurso público do Goberno local en materia de igualdade e a realidade laboral que, segundo o sindicato, viven as empregadas municipais. Durante a protesta, a organización sindical cualificou de “feminismo de pancarta” a actitude do executivo municipal e acusouno de priorizar os xestos simbólicos fronte á aplicación efectiva de políticas de igualdade.

Segundo expón CCOO, o Concello de Lugo foi sancionado recentemente pola Inspección de Traballo debido a que a administración local non conta cun Plan de Igualdade, unha ferramenta obrigatoria para empresas e institucións deste tamaño. O sindicato considera especialmente grave esta situación nun momento no que se multiplican os actos institucionais arredor do 8 de marzo, Día Internacional da Muller.

A organización sindical tamén advertiu da existencia de problemas laborais nalgúns servizos considerados especialmente sensibles. Entre eles, sinala a xestión dos horarios do persoal que presta atención a mulleres vítimas de violencia machista, cuestión pola que, segundo indican, o Concello tería recibido unha segunda sanción. Desde CCOO sosteñen que non é coherente falar de protección ás vítimas mentres se vulneran os dereitos laborais das persoas que desenvolven ese traballo, e advirten de que descoidar a quen presta ese servizo supón converter as políticas públicas nunha mera declaración de intencións.

A mobilización desenvolveuse ao ritmo de música reivindicativa e incluíu a lectura dun manifesto no que se detallaron diferentes problemas que, segundo o sindicato, afectan ao persoal municipal. O texto foi lido por Sesé Barrera, delegada de CCOO no Concello de Lugo, quen criticou que nunha institución con entre 500 e 600 traballadores non exista aínda un plan destinado a garantir a igualdade entre homes e mulleres.

Barrera sinalou que, mentres non se elabore este documento, resulta imposible coñecer con precisión cal é a situación real da igualdade dentro da administración local. Ademais, advertiu da existencia de áreas especialmente precarizadas e de determinados servizos nos que a maior parte do persoal está formado por mulleres, que —segundo afirmou— son as que máis están sufrindo esta falta de medidas.

Durante a protesta tamén se exhibiron pancartas en apoio a María Reigosa. Os manifestantes aseguraron sentirse identificados coa súa situación e criticaron a falta de atención ás súas reivindicacións. “Non é que nos manden calar, é que directamente non nos escoitan”, afirmou a delegada sindical.

CCOO tamén fixo referencia á situación na Deputación de Lugo, onde —segundo denunciou— continúa no seu posto unha persoa investigada pola Fiscalía por un presunto caso de acoso sexual. Para o sindicato, os compromisos coa igualdade non poden depender das maiorías políticas nin limitarse a iniciativas simbólicas que non abordan os problemas de fondo.

A organización sindical asegurou que seguirá denunciando estas situacións e rexeitou calquera intento de frear as súas críticas. En relación coas declaracións do alcalde nas que aseguraba que “o feminismo comeza nas institucións”, desde CCOO pregúntanse que tipo de feminismo é aquel que, segundo sosteñen, non cumpre coa normativa laboral básica.

0.13089489936829