CCOO reclama reforzar os recursos do 061 na área centro da provincia de Lugo

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa
O sindicato solicita aos concellos afectados que insten á Xunta a ampliar os medios de emerxencias sanitarias ante a saturación do servizo
Ambulancias
19 May 2026

CCOO rexistrou nos concellos de Lugo, Guntín, Portomarín, Rábade, Outeiro de Rei e Friol unha solicitude formal para reclamar á Xunta de Galicia a ampliación urxente dos recursos do 061 na área centro da provincia.

O sindicato pretende implicar ás administracións locais nun problema que cualifica de “grave, estrutural e perigoso” para a atención sanitaria dos máis de 144.000 veciños e veciñas que dependen actualmente dun sistema que considera claramente insuficiente.

Segundo denuncia CCOO, na actualidade toda esta área dispón unicamente de dúas ambulancias asistenciais e dunha soa ambulancia medicalizada para atender as emerxencias sanitarias durante as 24 horas do día. A organización sindical asegura que esta situación provoca de maneira habitual avisos en espera e demoras asistenciais pola falta de medios dispoñibles.

Desde o sindicato advirten ademais de que Lugo continúa contando cos mesmos recursos sanitarios de emerxencias que no ano 1998, a pesar do incremento da poboación, do envellecemento demográfico e da crecente presión asistencial.

CCOO considera “absolutamente intolerable” que a Xunta de Galicia continúe sen reforzar un servizo esencial do que dependen situacións críticas como infartos, ictus, accidentes graves ou emerxencias que afectan especialmente ás persoas maiores.

“Estamos falando de vidas humanas. Non se pode normalizar que existan colas de avisos porque non hai ambulancias suficientes. Cada minuto que se perde nunha emerxencia pode marcar diferenzas irreversibles”, sinalan desde a organización sindical.

O sindicato considera que a próxima licitación do transporte sanitario terrestre representa unha oportunidade clave para corrixir esta situación e incorporar, cando menos, unha nova ambulancia asistencial operativa durante as 24 horas.

CCOO realizou tamén un chamamento directo aos alcaldes e alcaldesas dos municipios afectados para que “deixen de mirar cara outro lado” e adopten unha posición clara na defensa dun servizo sanitario digno para a veciñanza.

Desde a organización sindical sosteñen que os concellos “non poden permanecer calados mentres a cidadanía sofre unha situación de saturación permanente nas emerxencias sanitarias” e consideran que chegou o momento de “esixir responsabilidades e defender os intereses da provincia de Lugo por riba de siglas e silencios políticos”.

Finalmente, CCOO anunciou que continuará promovendo iniciativas institucionais e públicas ata conseguir un reforzo real dos recursos do 061, ao entender que “o abandono sanitario que sofre Lugo non pode seguir converténdose en algo normal”.

0.12665820121765