Celebran o I Encontro de Artistas SOS Castelo de Navia

A asociación Irmandade Naviega, en colaboración co Grupo de Desenvolvemento Rural GDR3, organiza a iniciativa
sos_castelo_irmandade_naviega
27 sep 2024

Navia acollerá o I Encontro de Artistas SOS Castelo de Navia este sábado 28 de setembro. A asociación Irmandade Naviega, en colaboración co Grupo de Desenvolvemento Rural GDR3, organiza a iniciativa que busca poñer en valor o papel da cultura na rexeneración do rural, cunha ampla participación de artistas locais e de diversos puntos de Galicia.

O encontro dará comezo ás 10.30 coa realización de traballos de campo por parte dos artistas participantes. Ao mediodía, ás 14.30, terá lugar un xantar no Caserío Meiroi. Xa pola tarde, a partir das 16.30, realizarase unha posta en común dos traballos desenvolvidos ao longo da xornada. Ás 17.00, celebrarase un coloquio titulado “O papel da cultura na rexeneración do rural”, no que diferentes expertos debaterán sobre a importancia da arte e a cultura no desenvolvemento das zonas rurais.

A xornada continuará cun recital poético ás 18:00, seguido do peche musical a cargo de Vadim Yuknevich, que poñerá o broche final ao evento ás 18.30. O encontro contará coa participación de recoñecidos pintores como Alfonso Trinidad, Chus Rodríguez ou Ignacio López; fotógrafos como Alekandra Dmitrieva, Xosé Reigosa e Alisa Simsonova; e escritores de renome como Antón Canda, Beatriz Bravo ou Claudio Rodríguez Fer. Tamén estarán presentes relatoras destacadas como Fe Álvarez e José Luis Martín Palacín.

A partir das 16.30, o encontro abrirase ao público, que poderá asistir ás actividades e participar nas reflexións culturais programadas. Esta primeira edición do Encontro de Artistas en Navia busca reivindicar a vila como un espazo non só para vivir, senón tamén para crear, destacando a importancia de preservar o seu patrimonio cultural e paisaxístico.

0.20310401916504