Celébrase en Lugo o 24 aniversario da Muralla como Patrimonio da Humanidade
O Concello de Lugo celebra o 24 aniversario da Muralla como Patrimonio da Humanidade este sábado, 30 de novembro, con diferentes actividades.
Así, as corais Orfeón Xoán Montes, que actuará ás 13.00 horas; o Coro do Hospital, que actuará ás 18.30 horas; e Sólo Voces, ás 20.00 horas, estarán na Praza da Mosqueira.
As actividades continuarán cunha andaina solidaria destinada a apoiar a labor das entidades animalistas da cidade, que sairá ás 18.30 horas desde a Mosqueira e chegada na Rúa Virxe da Esperanza. O percorrido inclúe a Ronda da Muralla, as rúas Bispo Aguirre e Ramón Ferreiro, Avenida de Madrid e, finalmente, a Rúa das Artes.
A participación nesta andaina é de balde, "pero as persoas que o desexen poderán contribuír mediante doazóns en efectivo, que se destinarán integramente á Sociedade Protectora de Animais e Plantas de Lugo e a Michos de Lugo, ambas referentes na protección dos animais na nosa cidade e que desenvolven un traballo fundamental para fomentar a adopción e garantir o benestar animal", lembrou a edil de Cultura, Maite Ferreiro.
Por outra banda, integrantes das asociacións nas festas do Arde Lucus serán os protagonistas dun desfile, a partir das 19.30 horas, con saída dende o fondo da Praza Maior.
O percorrido continuará por diante do Colexio Franciscanos ata chegar ao Campo Castelo, para despois dirixirse á zona peonil da Mosqueira, onde terá lugar a ofrenda floral. Ademais, procederase á lectura dun breve texto en lembranza daquel 30 de novembro do ano 2000, cando se obtivo a distinción de Patrimonio Mundial, por constituír o mellor exemplo vivo de fortificacións militares do Imperio romano tardío conservado en Europa.
Unha vez rematado o acto fronte á Mosqueira, os integrantes das asociacións de recreación histórica retomarán o desfile polas rúas do centro da cidade, ao que accederán pola Porta de San Pedro, para continuar ata a Praza do Campo.
A celebración do 24 aniversario da Muralla como Patrimonio da Humanidade remata o domingo, 1 de decembro, cunha xornada de xogos tradicionais a cargo de Xotramu, que terá lugar entre as 12.00 e as 14.00 na Mosqueira.