Celébrase o festival Primavera de Voces Xoves en Lugo o vindeiro 6 de abril

LugoXa
O Primavera de Voces Xoves convida a todos os amantes da música a gozar dunha tarde de coros xuvenís chea de talento e arte
Xunta-coro-xuvenil
5 Mar 2025

O próximo domingo 6 de abril, a Delegación Territorial da Xunta será o escenario do festival Primavera de Voces Xoves, no que actuarán os coros xuvenís de Lugo, O Rosal e Campo Lameiro.

O evento, que terá lugar no salón de actos do edificio administrativo a partir das 19.00 horas, promete unha xornada cargada de música coral e moita enerxía xuvenil.

O delegado territorial, Javier Arias, reuniuse con Pablo Rico, presidente do Coro Xuvenil Lucense e impulsor deste festival, para avanzar na organización do evento e explorar posibles colaboracións futuras.

Durante a reunión, tamén se destacou a importancia deste tipo de festivais como ferramentas de divulgación da música coral en Lugo e a súa contribución á promoción da cidade entre os participantes das agrupacións visitantes.

Desde a entidade organizadora resaltan que este tipo de actividades favorecen a implicación dos máis novos en espazos de formación artística e socialización, ao tempo que contribúen á difusión e preservación da cultura galega.

O Primavera de Voces Xoves convida a todos os amantes da música a gozar dunha tarde de coros xuvenís chea de talento e arte, que ao mesmo tempo servirá para reforzar os vínculos culturais entre as diferentes localidades galegas.

⚙ Configurar cookies
0.074993133544922