Cen alumnos do IES Lucus Augusti participan nunha charla sobre violencia de xénero e prevención de delitos sexuais

LugoXa
A subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, asistiu á actividade, impartida por axentes da Policía Nacional no marco do Plan Director
charla violencia machista IES Lucus Augusti
19 Nov 2026

O IES Lucus Augusti de Lugo acolleu unha actividade informativa sobre violencia de xénero e prevención de delitos sexuais, dirixida ao alumnado de cuarto da ESO e na que participaron un cento de escolares. A sesión enmarcouse no Plan Director e foi impartida polos axentes da Policía Nacional Rubén Darío Veiga e Iván García, formadores deste programa.

A subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, asistiu á charla e destacou a importancia de "achegar á mocidade os recursos necesarios para recoñecer e evitar situacións de desigualdade nas súas relacións sociais". Tamén agradeceu a colaboración do centro educativo e a implicación dos axentes que se desprazan aos institutos para abordar cuestións como o bo uso das novas tecnoloxías, o ciberacoso e a violencia de xénero.

Segundo os datos facilitados pola Subdelegación do Goberno, durante 2026 xa se desenvolveron na provincia 258 actividades do Plan Director, nas que participaron 10.549 persoas. As accións de sensibilización e prevención, impartidas polas forzas e corpos de seguridade nos centros educativos lucenses, trataron temas como a ciberseguridade, o acoso escolar, os delitos de odio, as adiccións, a violencia de xénero e a prevención de delitos sexuais.

A actividade no IES Lucus Augusti enmárcase tamén na programación do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, que se conmemora o 25 de novembro. Con motivo desta data, a subdelegada do Goberno realizará o mércores a lectura do manifesto institucional ás 11:30 horas diante da sede da Subdelegación, onde tamén se gardará un minuto de silencio polas vítimas da violencia de xénero.

No acto participará a asociación Axel, que instalará unha mesa de concienciación para interpelar á cidadanía. Ademais, desde mañá poderá visitarse na entrada do edificio a exposición "Inmarcesibles", que reúne fotografías realizadas por María Fernández.

0.16031503677368