Centos de persoas participan na XIX Feira da Empanada e Produtos dos Ancares nas Nogais

LugoXa
O evento reuniu produtores, veciñanza e visitantes nunha xornada dedicada á gastronomía, aos produtos locais e á promoción do territorio
Feira-Empanada-As-Nogais-26-PSOE
1 Jun 2026

As Nogais acolleu a XIX Feira da Empanada e Produtos dos Ancares, unha cita promovida pola Asociación de Empresarios das Nogais que volveu converterse nun punto de encontro para centos de persoas entre produtores, veciñanza e visitantes chegados de diferentes puntos da provincia e da comarca.

A feira serviu para poñer en valor a riqueza gastronómica e produtiva dos Ancares, cun amplo espazo dedicado á exhibición e degustación de produtos de calidade. A empanada foi a gran protagonista da xornada, aínda que os asistentes tamén puideron coñecer e degustar outros produtos representativos da zona, como a carne, os embutidos, os queixos ou o mel.

A programación estivo acompañada por distintas propostas culturais e musicais que contribuíron a animar a cita ao longo de toda a xornada. Durante a mañá, unha charanga percorreu o recinto feiral amenizando o ambiente, mentres que pola tarde a Asociación Cultural Abrente das Nogais ofreceu unha actuación de música e baile tradicional. A entidade, integrada por participantes de diferentes localidades da comarca, continúa a desenvolver un importante labor na promoción da cultura popular e na dinamización da vida social do municipio.

Entre as autoridades asistentes figurou o voceiro do PSdeG no Concello das Nogais, Ismael Carcedo, que participou no percorrido polos distintos postos xunto á subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, e á presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López. Á visita sumáronse tamén integrantes da agrupación socialista local, así como alcaldes, alcaldesas e outros representantes institucionais e orgánicos da comarca e da provincia.

Durante o percorrido, os asistentes tiveron ocasión de coñecer de primeira man o traballo desenvolvido polos produtores participantes e de compartir impresións sobre a importancia deste tipo de iniciativas para o desenvolvemento económico do rural.

Desde o PSdeG destacaron que a feira constitúe un importante escaparate para dar visibilidade ao labor da veciñanza, dos produtores e do tecido empresarial das Nogais e dos Ancares. Ademais, subliñaron que eventos destas características contribúen a impulsar a economía local, promover o consumo de proximidade e reforzar a identidade dun territorio cun destacado potencial gastronómico, turístico e produtivo.

0.11881804466248