Centos de persoas reclaman en Lugo máis recursos para o ensino público

LugoXa
A comunidade educativa mobilízase para denunciar a falta de persoal, os recortes e a deterioración das condicións nos centros galegos
concentración-educación-STEG-Lugo
6 May 2026

Centos de persoas concentráronse na Praza da Horta do Seminario de Lugo baixo lemas como 'A diversidade é unha prioridade' e 'A inclusión real necesita persoal' para denunciar o deterioro do ensino público galego e reclamar máis investimento por parte da Xunta.

A mobilización, convocada por CIG-Ensino, STEG e Asembleas Abertas do Ensino Público, contou tamén co respaldo de sindicatos estudantís e diferentes colectivos educativos e sociais. Durante a concentración, as persoas participantes reclamaron un aumento do persoal docente e de atención educativa, unha redución das ratios nas aulas, unha atención efectiva á diversidade, melloras nas infraestruturas e a recuperación de dereitos laborais perdidos nos últimos anos.

As entidades convocantes sinalaron que estas demandas levan tempo sendo expostas pola comunidade educativa e responden a unha situación que consideran xa insostible nos centros de ensino. Denuncian a falta de persoal e de recursos, a sobrecarga de traballo do profesorado, as deficiencias nas instalacións e os recortes que, segundo advirten, afectan directamente á inclusión do alumnado.

Ademais, advertiron de que os anuncios realizados pola Xunta resultan insuficientes se non van acompañados de máis profesionais, dunha planificación adecuada e dun diálogo real coa comunidade educativa. “As promesas sen recursos non son solucións, son parches”, sinalaron durante a protesta. Por iso, a comunidade educativa asegura que continuará mobilizándose mentres non se adopten medidas concretas para garantir un ensino público galego digno, inclusivo e de calidade.

0.15270805358887