Centos de persoas secundan en Lugo a folga xeral para reclamar un plan de choque ante a suba do custo da vida

LugoXa
A mobilización, convocada por CIG, UXT, CCOO e CNT, percorreu o centro da cidade desde o edificio multiúsos da Xunta ata Santo Domingo para denunciar a perda de poder adquisitivo e as dificultades de acceso á vivenda.
concentracion folga xeral Lugo
11 Nov 2026

Centos de persoas participaron este mércores, 11 de novembro, na folga xeral convocada por CIG, UXT, CCOO e CNT en Lugo. A mobilización comezou xa de madrugada, cando se rexistraron as primeiras manifestacións e accións informativas nas rúas da cidade. A Unión Comarcal de CCOO percorreu distintos puntos para colocar carteis e animar á cidadanía a sumarse á convocatoria.

No polígono do Ceao tamén houbo presenza de manifestantes e piquetes informativos desde primeiras horas da mañá, nunha xornada na que foi necesaria a intervención da Policía Nacional. Ás 12:00 horas comezou a manifestación principal, na que participaron centos de persoas nun percorrido desde o edificio multiúsos da Xunta de Galicia ata a praza da Soidade, no interior da Muralla, onde os asistentes cantaron 'A Internacional'. A marcha continuou despois ata Santo Domingo.

A convocatoria serviu para reclamar ás institucións públicas medidas ante a emerxencia social, marcada polo incremento dos prezos e as dificultades para acceder a unha vivenda. Os colectivos convocantes puxeron o foco na situación económica das clases traballadoras baixo o lema "O salario non dá" e reclamaron a posta en marcha dun plan de choque que dea resposta ás súas necesidades.

 

O PSdeG de Lugo súmase á folga xeral do 11N

Os socialistas da provincia de Lugo participaron este mércores na mobilización convocada por CCOO e UGT con motivo da folga xeral do 11 de novembro, para expresar o seu apoio ás reivindicacións da clase traballadora. O PSdeG defendeu a necesidade de garantir salarios dignos, emprego de calidade, acceso a unha vivenda asequible e servizos públicos fortes.

Na manifestación participou unha ampla representación socialista de toda a provincia, encabezada pola candidata ao Congreso por Lugo, Patricia Otero; a secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez; a presidenta da Deputación, Carmela López; e o portavoz do Grupo Municipal Socialista e candidato á Alcaldía de Lugo, Miguel Fernández, xunto con alcaldes, alcaldesas e outros representantes da formación.

Nas declaracións previas á mobilización, Patricia Otero reafirmou o compromiso do partido coas demandas da folga. "O PSdeG estivo, está e estará sempre coas reivindicacións da clase traballadora", afirmou, lembrando que os dereitos laborais "non caeron do ceo, senón que se conquistaron".

A candidata reclamou ao PP e a Vox que expliquen a súa oposición á folga e ás demandas dos traballadores. Neste sentido, preguntou por que votaron en contra da redución da xornada laboral e criticou tamén o seu rexeitamento ás medidas para frear os desafiuzamentos, limitar os prezos dos alugueiros e prorrogar os contratos, así como as críticas e ameazas dirixidas aos sindicatos.

Otero vinculou estas reivindicacións coas eleccións do 29 de novembro, nas que, segundo advertiu, estará en xogo a continuidade dos avances sociais e laborais. "Eliximos entre dereitos ou dereitas", resumiu.

Pola súa banda, Lara Méndez lembrou que moitas conquistas sociais comezan nas rúas e reivindicou a presenza do PSdeG ao lado dos traballadores. Destacou o incremento do salario mínimo interprofesional nun 66% durante o Goberno de Pedro Sánchez e defendeu que siga aumentando para combater a precariedade. Tamén reclamou medidas que faciliten o acceso á vivenda, xa que, segundo sinalou, "non podemos permitir que os mozos e mozas non poidan independizarse porque non lles chega o salario".

Méndez denunciou o "matonismo político do Partido Popular e de Vox" e acusou ambas as formacións de darlles as costas aos traballadores e aos dereitos conquistados colectivamente. Advertiu de que estes avances non están garantidos e asegurou que o 29N "nos xogamos moitísimo: manter o que temos e seguir avanzando na conquista de máis dereitos sociais".

A presidenta da Deputación, Carmela López, puxo o foco no encarecemento da vivenda, que, segundo explicou, está a absorber as melloras salariais e a dificultar a emancipación da mocidade mesmo entre as persoas que teñen emprego. "O Goberno está subindo os salarios e as pensións e non podemos permitir que a vivenda absorba todo iso", afirmou. Ademais, criticou o bloqueo do PP e de Vox ás iniciativas do Executivo socialista para facer fronte a esta situación.

No ámbito municipal, Miguel Fernández acusou o Goberno local de Elena Candia de paralizar un plan de vivenda que o PSOE deixara moi avanzado. "A señora Candia meteu literalmente nun caixón o noso plan de vivenda", asegurou. Segundo explicou, a proposta permitiría incorporar inmobles ao mercado do alugueiro, impulsar a rehabilitación e facilitar o acceso á vivenda en Lugo.

"Estamos sempre cos traballadores e traballadoras, porque son eles os que realmente sofren estas circunstancias", subliñou Fernández, que reivindicou a presenza dos socialistas nas rúas para defender os dereitos da veciñanza.

O BNG reivindica a folga xeral do 11N para reclamar salarios e pensións dignas e o acceso á vivenda

A candidata do BNG por Lugo ao Congreso, Olalla Rodil, participou este mércores na xornada de mobilización da folga xeral do 11 de novembro, que considerou fundamental para defender os dereitos da clase traballadora. Rodil sinalou tres motivos principais para secundar a convocatoria: garantir unha vida digna, asegurar o acceso a unha vivenda axeitada e reivindicar a importancia da mobilización social para conseguir cambios.

"Hoxe é o día para estar nas rúas e o 29 para estar nas urnas, apoiando forzas políticas coas mans libres, cunha voz forte en Madrid que defenda os intereses de Lugo e desta provincia", afirmou a candidata.

Rodil destacou a importancia da folga para reclamar salarios xustos e pensións dignas en Galiza e, especialmente, na provincia de Lugo. Segundo lembrou, Lugo ten as segundas pensións e os segundos salarios máis baixos do Estado, unha realidade que provoca que "moitísima xente que cada día fai unha xornada impecable e esforzándose moito non sexa capaz de chegar a fin de mes".

A candidata do BNG vinculou tamén a mobilización coa defensa do dereito a unha vivenda digna, que, segundo denunciou, está a quedar fóra do alcance de moitas familias debido á subida dos prezos dos alugueiros e á precariedade laboral. Neste sentido, defendeu a necesidade de impulsar unha política pública e social de vivenda que garanta que ninguén quede excluído do acceso a unha casa axeitada e asequible.

Por último, Rodil chamou a trasladar a mobilización ás urnas nas eleccións do próximo 29 de novembro. A candidata considerou necesario dar máis peso político e capacidade de negociación á clase traballadora para defender os intereses de Lugo e de Galiza en Madrid a través de forzas políticas "coas mans libres e cunha voz forte".

0.15256190299988