Centralizan no Uxío Novoneyra a nova Oficina de Intermediación do Voluntariado de Lugo

LugoXa
Trátase dun órgano que actuará de intermediario entre as persoas interesadas en prestar esta colaboración e os distintos colectivos
voluntariado-lugo
voluntariado-lugo
6 Xul 2024

Desde agora, calquera persoa que queira prestar a súa axuda como voluntaria pódese dirixir ao centro de convivencia Uxío Novoneyra, onde está constituída a nova Oficina Municipal de Intermediación do Voluntariado, un órgano que actuará de intermediario entre as persoas interesadas en prestar esta colaboración e os distintos colectivos que operan en Lugo. Desde este centro realizarán unha primeira valoración de idoneidade do perfil, derivando a cada voluntario ou voluntaria á asociación que máis conveña polas súas condicións e posibilidades de colaboración.

Así o explica a responsable da concellería de Benestar Social, Olga López Racamonde, quen sinala que "a entrada en funcionamento desta nova Oficina Municipal de Intermediación do Voluntariado chega trala reunión mantida co tecido social da cidade para avanzar no funcionamento deste novo órgano, e tralo pactado con estes colectivos que integran a Rede de Voluntariado Lucense".

O obxectivo coa posta en marcha desta oficina non é outro que dinamizar a acción social e reforzar o traballo dos colectivos a nivel local. “Insistimos en que é prioritario prestar un soporte integral ao tecido asociativo lucense. As nosas entidades están a realizar un gran labor para toda a veciñanza e, de forma a particular, para os colectivos máis vulnerables".

Lugo ten a gran sorte de contar con moitas persoas interesadas en prestar esta axuda de forma desinteresada. Pero Lopez Racamonde insiste en que tamén "precisamos canalizar todo ese capital humano que atesoura Lugo e que está disposto a contribuír aportando a súa dedicación e o seu tempo na medida das súas posibilidades. A acción voluntaria toma cada día maior presenza na nosa sociedade con base ao crecemento da conciencia solidaria da cidadanía”, sinalou a concelleira.

O Executivo de Paula Alvarellos informou ás entidades sociais sobre o sistema deseñado polo persoal técnico municipal para implementar funcionalidades incluídas neste servizo como a axuda á captación, á formación ou a propia coordinación, aspectos claves no seu funcionamento que permitirán establecer liñas estratéxicas comúns. “Así, por medio desta ferramenta, entre outros moitos aspectos, desde o Goberno local facilitaremos a xestión de espazos municipais e recursos técnicos para desenvolver actividades de formación e deste xeito poder cubrir as necesidades que neste sentido poidan ter os colectivos, xa que este aspecto é un requisito obrigatorio para toda persoa que vaia a comezar unha acción voluntaria”, indicou a edil.

0.19185495376587