Centros universitarios e non universitarios galegos participan no remate da campaña de doazón de sangue

GaliciaXa | LugoXa | ACoruñaXa | FerrolXa | OurenseXa
A ADOS intenta superar as 3.641 doazóns acadadas nos centros de ensino non universitario e as 4.605 doazóns en centros universitarios rexistradas no pasado curso académico
NEDA bus doazon
23 Nov 2026

As unidades móbiles da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) están a culminar as visitas correspondentes á primeira fase da campaña de doazón en centros educativos universitarios e non universitarios do presente curso académico. A Axencia achega este xesto solidario ao estudantado galego cunha iniciativa que se desenvolve baixo o lema Un alento de vida, coa que quere transmitir ao alumnado de centros educativos de toda Galicia a importancia fundamental da súa participación nas campañas de doazón de sangue.

Ao longo da presente semana, as unidades móbiles da ADOS realizarán os seguintes desprazamentos, como peche desta primeira fase da campaña de doazón. O martes, 24 de novembro, estarán no Campus da Zapateira (A Coruña), na Facultade de Medicina e nas Facultades de Bioloxía e Matemáticas (Santiago) e no Edificio de Facultades (Ourense).

O mércores 25 de novembro será a quenda da Facultade de Enfermaría e Podoloxía (Ferrol), da Facultade de Socioloxía (A Coruña), da Escola de Forestais (Pontevedra) e da Biblioteca Intercentros (Lugo).

O obxectivo da Axencia para o presente curso académico pasa por achegarse ás 4.500 doazóns de sangue nos sete campus das tres universidades galegas. Neste sentido, cómpre destacar que, durante o pasado curso académico 2025-2026, as tres universidades galegas achegaron un total de 4.605 doazóns de sangue, das cales 1.633 doazóns (un 35 % das persoas doantes) corresponden a persoas que doaban por primeira vez.

A universidade con maior número de doazóns foi a de Santiago de Compostela, con 1.891 doazóns de sangue, seguida da Universidade da Coruña, con 1.427, e, por último, da Universidade de Vigo, cun total de 1.287 achegas.

A ADOS quere agradecer aos reitorados das tres universidades galegas o seu decidido compromiso para impulsar a doazón de sangue, así como outras modalidades de doazón (medula ósea) entre a comunidade universitaria, ao tempo que fai extensivo este recoñecemento a todo o estudantado galego que doa sangue.

Para máis información, a ADOS dispón do portal web ados.sergas.gal, das redes sociais e do teléfono gratuíto 900 100 828, para resolver calquera dúbida relacionada coa doazón de sangue ou coñecer a data dos desprazamentos das unidades móbiles.

0.15541505813599