Cervantes abre o prazo para o campamento de verán 2026 con 24 prazas dispoñibles

O Concello de Cervantes organiza unha nova edición do campamento de verán, unha iniciativa que se desenvolverá durante todos os días laborables do mes de xullo e que ofrecerá actividades, xogos e espazos de convivencia pensados para o desfrute e a aprendizaxe durante o período vacacional.
O horario será de 10:00 a 14:00 horas e a proposta está dirixida a nenos e nenas de entre 3 e 15 anos, cun total de 24 prazas dispoñibles.
O prazo de inscrición estará aberto entre o 22 e o 29 de xuño e deberá formalizarse de maneira presencial nas oficinas municipais, cubrindo a correspondente solicitude.
Terán prioridade os nenos e nenas escolarizados no CPI de Cervantes e as persoas empadroadas no municipio, mentres que as prazas vacantes adxudicaranse por orde de inscrición.