Cervantes celebra este sábado a súa Feira en Defensa do Gandeiro
O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, o Alcalde de Cervantes, Benigno Gómez Tadín, e o presidente da asociación Territorio Verde, Miguel González Vilela, presentaron este luns no Pazo de San Marcos a II Feira en Defensa do Gandeiro da Montaña, que se celebrará o vindeiro sábado, 14 de maio, en San Román de Cervantes. A institución provincial colabora coa celebración desta cita cunha achega de 2.000 euros.
Rivera Capón destacou que presentar a segunda edición esta feira que volve “despois de dous anos tan duros de pandemia é unha gran noticia porque nos axuda a seguir poñendo en valor e apoiando o noso sector agrogandeiro e o noso rural, que son realmente a esencia da provincia de Lugo”. Ademais, que volva esta cita ten un dobre valor, explicou o Deputado, porque no 2019 recuperárase despois de que non se celebrara dende o ano 1985. “Isto é un feito moi importante, que dá boa mostra do que, dende a Deputación de Lugo, non nos cansamos de repetir: que o noso rural non está baleiro, senón que está cheo de ideas e de iniciativas, que necesitan de políticas públicas para saír adiante”.
Nas súas palabras eloxiou a todas as persoas que traballan para facer posible a feira, como son o Concello e Territorio Verde, pero tamén os gandeiros e gandeiras, unha peza fundamental para o éxito da cita. “Parabéns polo voso compromiso e polo voso traballo para sacar adiante esta feira, coa que colaboramos dende a Deputación de Lugo, porque coincide plenamente cunha das nosas liñas de actuación prioritarias, como é o apoio aos sectores produtivos, sobre todo ao sector primario, estratéxico para a nosa provincia”, recalcou.
“Apoiamos esta feira porque dinamiza o noso rural a nivel social, e tamén a nivel económico, pois a súa celebración terá un retorno para a economía local, de Cervantes e da comarca, cun impacto positivo na hostalería, no comercio e no turismo. E tamén colaboramos porque este tipo de iniciativas visibilizan, promocionan e poñen en valor o noso sector agrogandeiro, o traballo dos gandeiros e gandeiras, e a alta calidade dos seus produtos, e isto para a Deputación de Lugo, é fundamental”, salientou Rivera Capón.
O Deputado fixo un convite extensivo a todos os veciños e veciñas, e ás persoas que visitan a provincia para que “que se acheguen a Cervantes o vindeiro sábado. Será un día de festa, de encontros e de reencontros, e será un día, como di o nome da propia feira, para a Defensa do Gandeiro, e para axudar a darlle ao noso sector primario a relevancia que merece”.