Cervantes defende ao seu sector gandeiro cunha exitosa feira
O Deputado de Medio Ambiente, José Luis Raposo, e o Deputado de Participación Cidadá, Roberto García Pernas, participaron este sábado na II Feira en Defensa do Gandeiro da Montaña, que se celebrou en San Román de Cervantes organizada pola asociación Territorio Verde e o Concello. A institución provincial colabora coa celebración desta cita cunha achega de 2.000 euros e cedendo 5 vacas da Granxa Gayoso Castro para a súa poxa.
Os Deputados, que entregaron premios xunto ao Alcalde, destacaron que esta segunda edición da feira que volve “despois de dous anos tan duros de pandemia é unha gran noticia porque nos axuda a seguir poñendo en valor e apoiando o noso sector agrogandeiro e o noso rural, que son realmente a esencia da provincia de Lugo”.
Ademais, que volva esta cita ten un dobre valor, explicou o Deputado de Medio Ambiente, porque no 2019 recuperárase despois de que non se celebrara dende o ano 1985. “Isto é un feito moi importante, que dá boa mostra do que, dende a Deputación de Lugo, non nos cansamos de repetir: que o noso rural non está baleiro, senón que está cheo de ideas e de iniciativas, que necesitan de políticas públicas para saír adiante”.
García Pernas eloxiou a todas as persoas que traballan para facer posible a feira, como son o Concello de Cervantes e Territorio Verde, pero tamén os gandeiros e gandeiras, unha peza fundamental para o éxito da cita. “Parabéns polo voso compromiso e polo voso traballo para sacar adiante esta feira, coa que colaboramos dende a Deputación de Lugo, porque coincide plenamente cunha das nosas liñas de actuación prioritarias, como é o apoio aos sectores produtivos, sobre todo ao sector primario, estratéxico para a nosa provincia”, recalcou.
“Apoiamos esta feira porque dinamiza o noso rural a nivel social, e tamén a nivel económico, pois a súa celebración ten un retorno para a economía local, de Cervantes e da comarca, cun impacto positivo na hostalería, no comercio e no turismo. E tamén colaboramos porque este tipo de iniciativas visibilizan, promocionan e poñen en valor o noso sector agrogandeiro, o traballo dos gandeiros e gandeiras, e a alta calidade dos seus produtos, e isto para a Deputación de Lugo, é fundamental”, dixo o Deputado de Participación Cidadá.