Cervantes reúne este sábado a representantes da economía social para debater sobre o futuro do rural

GaliciaXa | LugoXa
A xornada abordará os retos demográficos e as oportunidades de desenvolvemento sostible nos Ancares, coa participación de Yolanda Díaz, Oliver Laxe e entidades do territorio
Os-Ancares-Carmela-López-Oliver-Laxe
3 Oct 2026

Cervantes acollerá este sábado, 3 de outubro, a xornada "A economía social en contornas rurais de reto demográfico", un encontro destinado a compartir experiencias, fomentar o diálogo e explorar novas estratexias para impulsar a economía social como ferramenta de desenvolvemento sostible no medio rural.

A cita contará coa participación da xerente da Asociación de Desenvolvemento Rural Montes e Vales Orientais (GDR3), Fe Álvarez, que intervirá nunha mesa de diálogo centrada nas perspectivas de futuro da comarca dos Ancares e na aplicación dos grandes retos globais ás necesidades e oportunidades específicas deste territorio.

Neste espazo de debate participarán tamén representantes doutras entidades da zona, como A Carqueixa, Teitos de Piornedo e o Centro para o Desenvolvemento Rural dos Ancares, que compartirán as súas experiencias e abordarán as posibilidades de impulsar iniciativas vinculadas á economía social desde o propio territorio.

O programa incluirá outras mesas de diálogo e espazos de intercambio para analizar os desafíos aos que se enfrontan as contornas rurais afectadas polo declive demográfico, así como as alternativas para favorecer a súa dinamización económica e social. A xornada completarase cun picnic de produtos dos Ancares, co que se porá en valor a produción local e os recursos propios da comarca.

Entre as persoas participantes figuran a vicepresidenta segunda do Goberno e ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, e o director de cine, guionista e actor Oliver Laxe, que se sumarán a este encontro sobre o papel da economía social no futuro dos territorios rurais.

PROGRAMACIÓN

A programación comezará ás 9:30 horas coa recepción das persoas participantes e, ás 10:00 horas, terá lugar a apertura da xornada e a primeira mesa de diálogo, titulada "A economía social como motor de arraigo no medio rural. Diversificación económica, emprego e servizos máis aló do sector primario", na que intervirán Amparo Merino, Ángeles Marín, Mikel Kormezana Okeranza e unha persoa representante de Tararaina, S. Coop., baixo a moderación de Oliver Laxe.

Tras unha pausa café ás 12:00 horas, ás 12:30 horas celebrarase un encontro de diálogo estratéxico coa vicepresidenta segunda do Goberno e ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, e Oliver Laxe. Ás 14:00 horas está prevista unha comida de convivencia no Centro de Transformación Ancares.

Xa pola tarde, ás 15:30 horas, desenvolverase a mesa "Tecendo alianzas para o desenvolvemento territorial sostible: dos proxectos locais á transformación sistémica", con Jaime Iglesias, Manuel Rodríguez López, María José Murciano e representantes da Fundación Juana de Vega, WazoCoop, Renova e Ecoherencia, e coa moderación de Roberto Fernández Rico.

Ás 17:15 horas será a quenda da mesa "Perspectivas de futuro para a Comarca dos Ancares, retos globais en contextos específicos", na que participarán Marta Mariño, Román Sánchez, Fe Álvarez Sánchez, Isolina Rodríguez López e Ramiro Martínez Carballosa, moderados por Aicha Belassir. A xornada concluirá ás 19:00 horas.

0.15896010398865