Cervantes volverá mobilizarse para reclamar a reapertura do consultorio de Doiras e máis atención sanitaria

LugoXa
A concentración celebrarase o 13 de agosto diante das instalacións sanitarias para denunciar a falta de persoal médico e a ausencia de solucións por parte da Xunta
concentración-cervantes-sanidade
11 Aug 2026

A veciñanza de Cervantes está chamada a participar este mércores 13 de agosto nunha nova concentración diante do consultorio de Doiras para reclamar a súa reapertura e unha cobertura médica estable e suficiente no centro de saúde de San Román. A mobilización chega despois de varios meses de protestas sen que, segundo denuncian os convocantes, se producisen avances na situación sanitaria do municipio.

As reivindicacións céntranse no peche do consultorio de Doiras e na falta de estabilidade da atención médica en San Román, unha situación que, segundo os organizadores da protesta, continúa dificultando o acceso da poboación aos servizos sanitarios básicos.

Desde os convocantes consideran especialmente preocupante que o problema continúe durante o verán, unha época na que aumenta a poboación do concello debido á chegada de visitantes e persoas que regresan temporalmente ás súas vivendas familiares, incrementando tamén a demanda asistencial.

Advirten ademais de que as características propias de Cervantes, como a dispersión territorial, o envellecemento da poboación e as dificultades de mobilidade, fan necesario contar cunha atención primaria próxima e con cobertura suficiente para evitar desprazamentos a outros puntos do territorio.

A concentración desenvolverase diante do consultorio de Doiras e os promotores da iniciativa aseguran que as mobilizacións continuarán mentres non se adopten medidas que permitan recuperar a atención sanitaria reclamada pola veciñanza.

O BNG apoia esta convocatoria e critica a falta de solucións por parte da Consellería de Sanidade. A responsábel local da formación, Maruxa Bardasco, considera que a situación evidencia a falta de compromiso da Xunta coa sanidade no rural e denuncia que, a pesar das reclamacións realizadas nos últimos meses, o consultorio de Doiras segue pechado e o centro de saúde de San Román continúa sen unha cobertura médica estable.

0.11466097831726