Cervo abre un prazo para que os estudantes pidan axudas ao transporte

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
O Concello de Cervo, a través da delegación de Educación, abriu hoxe o prazo para solicitar as axudas para o transporte do alumnado que curse estudos fóra do termo municipal; sempre que se trate de formación ou titulacións que non se impartan en ningún centro do Concello.
7 Oct 2019

O Concello de Cervo, a través da delegación de Educación, abriu hoxe o prazo para solicitar as axudas para o transporte do alumnado que curse estudos fóra do termo municipal; sempre que se trate de formación ou titulacións que non se impartan en ningún centro do Concello.

Os estudantes terán que cumprir os requisitos establecidos nas bases e presentar a documentación no Rexistro Xeral da Casa do Concello, e teñen de prazo ata o vindeiro 4 de novembro, incluído.

Tal e como sinalou o rexedor, Alfonso Villares, “mobilizamos 12.000 euros de fondos exclusivamente municipais co obxectivo de botarlle unha man ás familias na educación dos seus fillos, sabedores do importante esforzo económico que supón para moitas delas, tentando contribuír a que exista igualdade de oportunidades”.

Cada alumno beneficiario recibirá 150 ou 250 euros en función da renda familiar. Entre os requisitos, por exemplo, teranse en conta os ingresos económicos da unidade familiar, que deberá estar empadroada no Concello de Cervo; e o alumno deberá ser menor de 30 anos.

Ademais, o solicitante ten que cursar algunha destas titulacións fóra do municipio: Ensinanzas universitarias, estudos musicais en conservatorios e escolas de música ou ciclos medios e superior de Formación Profesional e Bacharelato (nalgunha das modalidades que non se imparten no Concello de Cervo). 

En canto á documentación a presentar, deberase entregar no Rexistro do Concello fotocopia do DNI de todos os membros da unidade familiar maiores de idade, fotocopia do libro de familia, autorización de todos os membros computables para obter información das diferentes administracións, copia cotexada do boletín de cualificacións ou certificación expedida polo centro educativo no curso 2018-2019 e, en caso de discapacidade ou dependencia, certificado emitido polo organismo oficial correspondente. 

Aquelas persoas que desexen máis información ao respecto poden achegarse ás oficinas municipais.

Os impresos están dispoñibles para a súa descarga no taboleiro de anuncios da web municipal www.concellodecervo.com.

0.16514301300049