Cervo acadou o terceiro posto nos Premios á Dinamización Demográfica
O Concello de Cervo acadou o terceiro posto na primeira edición dos Premios á Dinamización Demográfica que outorga a Xunta de Galicia, para o que se fixou un importe de 12.500 euros.
O proxecto de dinamización demográfica inclúe medidas que contribúen ao asentamento das familias no municipio como a rehabilitación de inmobles para crear espazos de traballo destinados aos novos emprendedores en Sargadelos, a organización de encontros de dinamización empresarial que fomenten o espírito emprendedor entre a mocidade, como o programa Revívate dirixido aos/ás rapazas do municipio que contemplou entre outras actividades un obradoiro de motivación empresarial, un de robótica e novas tecnoloxías, un networking de experiencias innovadoras da industria alimentaria galega...
Ademais, o Concello de Cervo tamén ten en marcha axudas para a escolarización ou bolsas de formación remuneradas a titulados universitarios ou de Formación Profesional en dependencias municipais; desde o ano 2013 máis de 80 mozos e mozas participaron neste programa subvencionado con fondos municipais -tal e como precisa o rexedor, Alfonso Villares-, e no 2017 conseguimos ampliar o período de duración da bolsa de 12 meses a 18, prolongando así no tempo a estadía dos mozos e mozas que así o desexen".
A ampliación do programa de conciliación da vida persoal, familiar e laboral tamén foi valorada á hora de conceder este premio; así como as actividades de voluntariado cultural tanto para a xuventude como para os maiores de 55 anos.
O Concello de Cervo tamén conta desde 2015 cunha escola infantil municipal que na actualidade dispón de 53 prazas e xestiona o servizo SAF Básica para as persoas que non teñen recoñecida a dependencia pero precisan axuda a domicilio.