Cervo acolle a mostra 'O Patrimonio Marítimo de Galicia'
O Concello de Cervo acolle a mostra O Patrimonio Marítimo de Galicia de Dionísio Pereira e producida pola Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial.
A exposición estará ubicada na contorna da Carpintería de Ribeira de Paco Fra e contará con 13 paneis coa historia e o patrimonio, tradicionalmente tan vencellado ao mar. Poderase visitar en principio esta semana.
Ao longo dos tempos, en todo o litoral de Galicia téñense desenvolvido actividades, oficios e modos de vida vencellados ao mar. Para pescar, transportar e, logo conservar, foi preciso construír barcos e despois portos para protexelos, así como edificios axeitados para transformar o peixe.
Tamén, houbo que concebir aparellos, útiles de traballo e técnicas singulares, axeitados a cada costa e ás tradicións da zona en cuestión. Así mesmo, a casa mariñeira estivo condicionada polo xeito de vida dos moradores, así como polas peculiaridades xeográficas e climatolóxicas da súa localización.
Existen as que se deron en chamar "xentes do mar", que abranguen todas as angueiras relacionadas co medio mariño e dentro da súa diversidade, teñen regras e leis propias; as súas tradicións e o seu "saber-facer". Ao cabo dos séculos, esta sorte de confraría teceu o seu universo deixando acá e acolá pegadas, discretas ou rechamantes, do seu devir: arquitecturas con ou sen arquitectos (quer dicir, edificios de orixe civil, militar ou popular), as cousas, utensilios, barcos, imaxes, técnicas, toponimias, fala,etc